Desmontan unha mafia dedicada á prostitución, tráfico de drogas e branqueo en Santiago
Desmontan unha mafia dedicada á prostitución, tráfico de drogas e branqueo en Santiago
Estaban obrigando algunhas mulleres a prostituírse, utilizando para iso coaccións, ameazas e chegando nalgún caso ás agresións físicas
Decretouse o ingreso en prisión dos tres principais responsables do grupo criminal
A Policía Nacional detivo oito persoas, membros dunha organización criminal en Santiago, ás que se lles imputan delitos relativos a organización criminal, prostitución, tráfico de drogas, contra os dereitos dos traballadores e branqueo de capitais.
As investigacións comezaron no ano 2022 cando se tivo coñecemento de que nun club de alterne de Compostela estaba a obrigarse a algunhas mulleres a prostituírse, utilizando para iso coaccións, ameazas e chegando nalgún caso ás agresións físicas.
Nunha primeira fase da investigación puido pescudarse que a organización quedaba con gran parte do pago polos servizos, xerando grandes beneficios para os xefes da organización. Tamén se detectou que os encargados do club vendían substancias estupefacientes.
Segundo avanzaban as pescudas, puido comprobarse o alto nivel de vida que levaban os xefes, grazas aos elevados beneficios que obtiñan da prostitución e o tráfico de drogas, branqueando o diñeiro obtido na adquisición de numerosas propiedades tanto en España como no estranxeiro.
Xa na fase final da investigación elaborouse un amplo dispositivo policial, coordinado pola Brigada de Estranxeiría de Santiago e no que participaron distintas unidades de Policía Nacional de Santiago e Madrid.
Finalmente procedeuse á detención de oito persoas, realizándose un rexistro no club onde se exercía a prostitución e en catro domicilios dos principais investigados, logrando intervir 40.000 euros en efectivo, 1 máquina contadora de billetes, 4 vehículos de alta gama, 16 gramos de cocaína e numerosos teléfonos móbiles, entre outros.
Os detidos pasaron a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Santiago, decretándose o ingreso en prisión dos tres principais responsables do grupo criminal.