Despedirse por WhatsApp do caseiro non proba a fin do contrato
Despedirse por WhatsApp do caseiro non proba a fin do contrato
Os antigos inquilinos dun piso de Vigo pagarán as rendas, malia que xa non vivían nel
Marcharon aos tres meses de contrato, sen acordar co caseiro a fin do arrendamento
Os antigos inquilinos dun piso de Teis pagarán cinco meses de alugueiro dun piso onde xa non vivían. A xustiza deulle a razón ao propietario, que non se deu por entendido de que marcharan, malia que a parella llo comunicara por WhatsApp e entregara as chaves na inmobiliaria.
"Hai que facer un preaviso e facelo de forma fidedigna, non vale unha chamada por teléfono ou un WhatsApp, compre algo máis formal e concreto, a poder ser un documento que reflicta a extinción do contrato", explica Rafael Rey, da inmobiliaria Rey Xestión.
Cómpre destacar que a parella marchou aos tres meses de arrendar o piso, antes dos seis que marca a lei. Unha decisión que tomaron sen a sinatura nin o acordo co propietario.
"Para marchar antes dos seis meses, como sucede aquí, que marchan aos tres meses de asinar o contrato, deberían ter chegado a un acordo co propietario da vivenda. Non o fixeron, parece que enviaron un WhatsApp de xeito unilateral e, loxicamente, iso non é válido porque non é un acordo", analiza o avogado Alexandre García.
Malia que unha sentenza anterior lles dera a razón aos inquilinos, a Audiencia Provincial revogouna e agora terán que pagarlle 2.500 euros en rendas atrasadas ao caseiro por non despedirse como manda a lei.