Despréndese a comporta central do encoro de Vilamartín de Valdeorras
Despréndese a comporta central do encoro de Vilamartín de Valdeorras
A presión da auga arrincouna e foi polo Sil abaixo ata Barxela
O accidente non ocasionou danos persoais, pero a enchente afectou a fauna, segundo ecoloxistas
A comporta central do encoro de Santiago saíu despedida pola presión da auga arredor das oito e media da tarde deste martes, o que ocasionou o baleirado inesperado de auga.
O estrondo asustou os residentes de Valencia do Sil, algúns sorprendidos cando ceaban.
Unha muller di que pensara que afundira a casa e logo sentiu como se arrastraran pedras río abaixo. Outros veciños destacan o intenso caudal de auga que saía do encoro.
No Instituto de Estudos Valdeorreses consideran que os danos ecolóxicos da enchente son graves, pola destrución de niños. José Fernández Pérez, presidente da sección de ecoloxía fala de "desastre ecolóxico dunha magnitude enorme".
O alcalde de Vilamartín dixo que a hora en que se produciu evitou que a enchente supuxera perigo para as persoas. Explicou que responsables de Iberdrola, a hidroeléctrica que explota o encoro, xa lle aseguraron onte á noite que a rotura non tivera consecuencias graves.
A intervención rápida dos técnicos instalando a armadura metálica prevista para pechar o van do que saíu despedida a comporta freou o aliviado da presa. Desde a Confederación destacaban esta mañá que o accidente non ocasionou incidencias destacables.
"A comporta desprendeuse, desaxustouse o eixe da peza en que vai inserida no formigón da presa, aliviou máis auga da normal; pero a situación, hai que dicilo con toda a claridade, non representou unha repercusión nin unha incidencia destacable", afirma José Antonio Quiroga Díaz, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
A auga arrastrou a comporta polo Sil ata deixala á altura de Barxela, no concello de Petín.