Detectan un perigoso cóctel nos botellóns de Santiago
Detectan un perigoso cóctel nos botellóns de Santiago
A Policía Local de Santiago interceptou esta fin de semana unha menor de idade consumindo unha bebida mesturando xarope con codeína e refresco
Os expertos advirten dos graves perigos na saúde que supón a súa inxesta porque pode provocar ata a morte
Alarma en Santiago pola popularización crecente entre a mocidade dunha bebida que pode resultar letal. Resulta da mestura de alcol, refrescos e un xarope con codeína. Os expertos advirten do seu perigo e tamén de que está máis estendida do que se cre.
A Policía Local acode á rúa Feáns, logo de ser advertidos por veciños de que se estaba a facer un botellón. Ao chegar, o grupo dispérsase e tan só interceptan unha rapaza de 15 anos e outro rapaz que a acompañaba. A sorpresa para os axentes foi cando atoparon que a menor mesturara xarope para a tose, a base de codeína, cun refresco sabor lima.
Manuel López-Rivadulla, catedrático de Toxicoloxía da USC, advirte de que "provoca unha depresión bastante importante do sistema nervioso central, e polo tanto, somnolencia, problemas cardiorespiratorios, vómitos, náuseas...", e engade que "sumado aos efectos que pode ter mesturar con outras substancias, como pode ser o alcol, o risco é moi relevante".
Este tipo de xaropes só se poden adquirir en farmacias con receita médica, pois un dos seus compoñentes é a codeína, un analxésico opiáceo, moi perigoso para a saúde, e mesmo pode provocar a morte se hai unha inxesta en moi altas doses. "En cantidades importantes pode producir a morte e sobre todo, cadros importantes de intoxicación e ata alucinacións", indica Manuel López-Rivadulla.
Malia que é a primeira vez que se detecta en Santiago, esta bebida ou líquido violeta, como a coñecen, advirten os expertos que é unha práctica máis estendida do que parece, no que as redes sociais e os persoeiros famosos, sobre todo da música, teñen moito que ver.
Advirte Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social, que "en Galicia arredor do 5 % dos menores de idade algunha vez na súa vida xa probaron este xarope violeta". Engade que esta práctica "está vinculada á socialización, á diversión, a propia identidade dos mozos e das mozas e de compartir un ritual común". Polo tanto di que para os adolescentes "é desexable e é un modelo imitable. Por iso, temos que ter moito coidado dos modelos que lles proporcionamos día a día desde a sociedade", explica Antonio Rial.
Unha práctica altamente tóxica que representa un perigo moi grave para a saúde física e mental, pois a codeína é unha substancia altamente aditiva.