Deteñen un coñecido delicuente tras unha persecución de película entre Teo e Ames
Deteñen un coñecido delicuente tras unha persecución de película entre Teo e Ames
Foi uns cinco quilómetros, desde Cacheiras ata O Milladoiro, perseguido pola Garda Civil
Despois de bater con outro coche en plena autovía tentou fuxir á carreira
Impútanlle 13 delitos por roubo, falsidade documental e atentado contra seguridade viaria
A avenida central do Milladoiro converteuse á media mañá deste xoves nun escenario inesperado. A película que aínda ten sorprendidos aos veciños da zona empezara no concello de Teo, cando unha patrulla da Garda Civil intentou darlle o alto a un coche que coincidía coa descrición doutro que acababan de denunciar como roubado.
"Sinto derrapar e vexo que o coche sobe pola beirarrúa e a Garda Civil xusto detrás", conta unha testemuña.
José Antonio Fernández, subtenente da Garda Civil do Milladoiro, di que o seguiron desde Cacheiras, en Teo, ata O Milladoiro, uns cinco quilómetros por estradas rurais ata chegar a avenida que atravesa o Milladoiro, unha estrada nacional de gran tráfico. Despois de circular por un treito de beirarrúa volveu á avenida, pero non puido avanzar.
"Xa se esnafrou con outro coche que estaba parado no semáforo, abriu a porta e seguiu correndo".
A persecución continuou á carreira polas rúas do Milladoiro ata que un axente lle deu alcance ao condutor, que resultou ser un coñecido delincuente de Ribeira, que parece que estaba empezando a ampliar o seu campo de actuación ata esta zona das inmediacións de Compostela.
O detido segue no cuartel do Milladoiro, mentres a Garda Civil completa o longo expediente de 13 delitos co que vai pasar a disposición xudicial.