Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen no Porriño un home que asaltou e feriu de gravidade unha muller na rúa

Deteñen no Porriño un home que asaltou e feriu de gravidade unha muller na rúa

Foi localizado en Verín e o xulgado decretou a súa posta en liberdade con cargos

G24.gal 22/02/2024 16:20 Última actualización 22/02/2024 17:28

A Garda Civil detivo no Porriño un home de 25 anos con numerosos antecedentes penais, un deles por roubar e deixar ferida de gravidade a muller que abordou por detrás cando ía pola rúa para quitarlle o bolso e un teléfono móbil.

O instituto armado informou da detención do presunto ladrón por un delito de roubo con violencia, cun resultado de lesións graves. Este feito tivo lugar o pasado 10 de xaneiro, cando unha muller de 63 anos paseaba polo barrio de Torneiros.

A afectada foi atacada por detrás por un home que a lanzou a un arroio, onde o presunto agresor forcexou con ela, propinándolle varios golpes cunha pedra por todo o corpo. O individuo causoulle graves lesións na cabeza, rostro e un ollo, polas que tivo que ser operada e pasou varios días ingresada na UCI e nunha das plantas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O agresor rouboulle o bolso e un teléfono móbil e a vítima foi socorrida por varias persoas que a viron arrastrándose polo chan do terraplén dende o arroio, onde permaneceu varios minutos, semiinconsciente, semiespida e sangrando.

Ao quedar aparvada polos golpes na cabeza, soamente puido achegar o dato de que o autor dos feitos era un home moreno, alto e que vestía con suadoiro negro.

As investigacións do equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Vigo e a área de Investigación do Posto Principal do Porriño centráronse na contorna do barrio, concretamente, en residentes no Polígono de Torneiros, por se algún puidese dar o perfil descrito pola vítima.

Tras moitas entrevistas con veciños, as pescudas serviron para localizar á persoa á que un delincuente habitual lle ofrecera a venda dun teléfono móbil que coincidía coa marca e modelo do subtraído á vítima.

A Garda Civil localizou en Tui a unha persoa que tiña no seu poder o teléfono e que achegou datos identificativos do presunto autor do asalto á vítima.

As investigacións centráronse no sospeitoso, localizado na localidade ourensá de Verín, onde foi detido o pasado domingo e posto á disposición do xuíz de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Porriño, que decretou a súa posta en liberdade con cargos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade