Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban nunha tenda e nun restaurante de Santiago

Rouban nunha tenda e nun restaurante de Santiago

Nos dous casos os ladróns romperon os cristais, entraron nos locais e levaron as caixas rexistradoras

No restaurante tamén roubaron algunhas botellas de licores

G24.gal 31/12/2024 14:01

Os ladróns romperon a porta de cristal dunha tenda do ensanche compostelán contra a unha da madrugada do luns, entraron, colleron as caixas rexistradoras e fuxiron.

"Levaron as dúas caixas, quedaron no parque tiradas, veu a policía para tomar as pegadas porque tamén había sangue e tivemos que limpar para poder abrir a tenda", conta unha empregada do negocio.

Ademais de levar o botín, os ladróns causaron outros danos no local.

"Vimos todo moi desfeito, tirado, fatal. Á parte tamén foran a outras tendas, segundo nos dixeron. Foi bastante traumático!".

Minutos antes, pasada a medianoite, ocorría algo semellante neste restaurante da zona vella de Santiago.

"Cando chegamos xa estaba o vidro roto e, polo pouco que podemos ver nas imaxes, porque se activou a bomba de fume, rompen, entran e levan diñeiro, o cambio que había na caixa, e algunhas botellas de licores", di a propietaria do restaurante:.

No local están moi preocupados porque, segundo lembran, é a cuarta vez que lles pasa algo así en dous anos.

"Creo que hai que poñerse en alarma e facer algo, unha protesta ou que a policía estea máis atenta porque a verdade é que están sucedendo moitos roubos na zona".

A policía investiga ambos casos para intentar identificar os autores dos roubos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade