Deteñen o home que acoitelou a un mozo en Sarria
Deteñen o home que acoitelou a un mozo en Sarria
O detido ten 30 anos e xa pasou á disposición xudicial
A vítima, de 21 anos, recupérase no hospital das feridas tras ser operado de urxencia
Na beirarrúa aínda se pode ver o regueiro de sangue que deixou a vítima tras recibir a coitelada. A lea tivo lugar nesta rúa, onde se concentran os negocios de ocio nocturno da vila. Foi unha lea con varios implicados, e de madrugada, polo que a maioría dos veciños non se decataron.
"Algo oín pero non sei onde foi en concreto", di un veciño; outra engade: "Algo se comenta dunhas navalladas".
Tras recibir a navallada, o mozo de 21 anos foi ata o centro de saúde, e alí o persoal tivo que avisar a policía porque se puxo agresivo e rompeu a pantalla de metracrilato do mostrador. Desde alí foi evacuado ao hospital de Lugo, onde tivo que ser operado de urxencia, xa que ao parecer recibira un corte profundo que lle afectou ao intestino e á vexiga. Os veciños aseguran que cada vez hai máis pelexas.
"Eu non sei que pasa agora que sempre hai pelexas e por nada, non e Sarria o que era"; asegura unha veciña; outra exprésase na mesma liña: "Sempre houbo, e esta rúa é conflitiva pero ultimamente hai bastantes pelexas".
A maioría dos problemas rexístranse durante a noite.
"Eu polo día transito bastante e non hai problema", comenta un veciño.
Tamén hai quen cre que estes incidentes son puntuais.
"Son incidentes puntuais, aquí vivimos tranquilos e en paz, pelexas sempre as houbo", di este veciño.
A Garda Civil xa detivo o presunto agresor, un home de 30 anos. O peche do caso está pendente da denuncia do Servizo Galego de Saúde e da súa valoración dos danos no centro de saúde.