Deteñen o presunto autor do asasinato a coiteladas dunha muller en Xetafe

O arrestado conseguira fuxir este sábado do lugar dos feitos

A agresión produciuse en plena rúa
G24.gal 05/11/2023 12:53 Última actualización 05/11/2023 13:36

A Policía Nacional detivo este domingo o presunto autor do asasinato dunha muller de 39 anos na localidade madrileña de Xetafe. O Grupo VI de homicidios está á fronte da investigación e a súa hipótese principal é que se trata dun crime machista.

A vítima foi agredida en plena rúa este sábado. Os servizos de emerxencia tentaron reanimala durante vinte minutos pero só puideron confirmar o seu falecemento. Presentaba varias feridas de arma branca. 

O suposto asasino, a súa parella ou exparella, conseguiu fuxir do lugar nun primeiro momento pero as forzas de seguridade conseguiron arrestalo horas despois.

A rexedora de Xetafe, Sara Hernández, convocou unha concentración de homenaxe á muller este luns ás 18:00 horas na praza da Constitución.

De confirmarse que se trata dun crime machista, sería a vítima número 52 no que vai de ano en España e a 1.237 desde 2003, cando se empezaron a rexistrar.

Atención ás vítimas

O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es.

Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600 000 016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.

Nunha situación de emerxencia, pódese chamar o 112 ou os teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). De non ter a posibilidade de facelo, pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade