Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen por homicidio un home implicado nun accidente en que morreu unha muller en Barro

Deteñen por homicidio un home implicado nun accidente en que morreu unha muller en Barro

O condutor acometeu o xoves co seu coche o dunha moza de 29 anos

Aínda que non mantiveron relación, investígase como posible caso de acoso

Imaxes de arquivo dun accidente de tráfico Imaxes de arquivo dun accidente de tráfico
G24.gal 19/03/2022 17:01

A Garda Civil detivo un veciño de Barro de 41 anos acusado de presunto homicidio pola súa implicación nun accidente de tráfico rexistrado o xoves. O home bateu co seu vehículo contra o dunha moza de 29 anos, que aínda que nun primeiro momento resultou con feridas graves acabou falecendo 24 horas despois.

Os axentes investigan se a colisión que se rexistrou na N-550 en Porráns, no concello pontevedrés de Barro, puido ser provocada polo agora detido.

A vítima, que quedou ferida moi grave, foi evacuada tras o accidente ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, pero morreu o venres. O ocupante do doutro turismo tiña feridas leves.

Na investigación aberta por Tráfico os axentes encontraron datos que lles fixeron sospeitar de que non se trataba dun choque accidental. Un dos primeiros aspectos analizados foi que os dous implicados teñen os domicilios moi próximos, e tamén cerca do lugar do accidente.

A muller tiña a residencia habitual en Verducido pero a súa familia conta cunha casa en Barro, da que saíu pouco antes da colisión.

Malia que non tiñan unha relación, podería tratarse dun caso de acoso. As marcas na estrada, sen sinais de que o causante do accidente intentara frear, e o forte impacto no turismo da muller, na porta da condutora son, entre outros aspectos, os que analiza a Garda Civil para determinar se o outro condutor arrestado provocou o accidente.

A familia da moza presentou, ao parecer, varias denuncias contra este home con anterioridade por causarlles danos, como picadas nas rodas en distintos vehículos. Ademais, confirman que a muller se sentía vixiada por el.

O home permanece custodiado nas dependencias da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra e prevese que poida pasar a disposición do xulgado de Caldas o próximo luns.

 

 

 

 

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade