Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen un home en Vigo acusado de matar a súa irmá durante unha crise psicótica

Deteñen un home en Vigo acusado de matar a súa irmá durante unha crise psicótica

O arrestado supostamente acoitelou a vítima no pescozo

O home podería pasar este venres a disposición xudicial

G24.gal 03/04/2024 15:18 Última actualización 04/04/2024 10:45

Un home de 63 anos foi detido este mércores en Vigo como suposto autor do homicidio da súa irmá, á que presuntamente acoitelou no pescozo nun domicilio da parroquia de Lavadores.

O suceso tivo lugar nunha vivenda da rúa Curros, e investígase se a actuación do presunto homicida, J. D. E., ten relación cun problema de saúde mental, xa que segundo parece o home padece esquizofrenia e crese que sufriu unha crise psicótica.

As mesmas fontes apuntaron que o home atacou a súa irmá, de 71 anos, cunha arma branca e cortoulle o pescozo. O detido permanece en dependencias policiais á espera de que, previsiblemente, este venres pase a disposición xudicial.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, encargado do caso, está á espera de recibir o atestado sobre os feitos.

Ata o lugar do suceso desprazáronse a Policía Científica e efectivos de Homicidios da comisaría de Vigo, así como a comisión xudicial e, pasadas as 15:00 horas, un vehículo funerario levou o corpo da vítima.

Pouco antes das 17:00 horas, os efectivos policiais abandonaban a vivenda, da que levaron unha bolsa de plástico con diversos efectos e un bastón.

O aviso polo ocorrido chegou ao 112 Galicia sobre as 13:20 horas deste mércores, cando un particular contactou con Emerxencias para alertar da presenza dunha muller ferida, tirada no chan fronte á casa.

O 112 alertou o 061, Policía Nacional e Policía. Cando os axentes chegaron, o home atopábase no domicilio, e foi detido.

Pouco despois, nas proximidades da vivenda concentrábanse familiares e achegados, entre eles o marido da falecida, fillos, sobriños e netos.

Varios dos presentes confirmaron aos medios que o home detido estaba tutelado pola Xunta (pola Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas, FUNGA) debido a problemas de saúde mental e outras circunstancias, e era a súa irmá, a vítima, quen o visitaba regularmente para levarlle compra ou axudarlle coas tarefas do fogar, a pesar de ter problemas de mobilidade.

Así mesmo, lamentaron que o home xa protagonizara algúns episodios conflitivos e que a familia pedira axuda á Xunta, que ten a súa tutela, sen obter resultados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade