Deteñen un home polo roubo de xoias nunha casa de Ames valoradas en 100.000 euros
Deteñen un home polo roubo de xoias nunha casa de Ames valoradas en 100.000 euros
O sospeitoso confesou nunha rede social que entrara na vivenda e levara as alfaias, que despois admitiu que vendera en establecementos de compravenda de ouro
Debido a unha relación que mantivera cun familiar da vítima do roubo, sabía onde garda unhas chaves da vivenda
A Garda Civil detivo un home residente en Santiago como suposto autor dun delito de roubo con forza no interior dunha vivenda na localidade de Ames, da que levou xoias por valor de 100.000 euros.
Os feitos foron denunciados pola vítima nas instalacións oficiais da Policía Nacional en Santiago de Compostela.
Segundo a declaración, o propietario dunha vivenda en Ames notou a falta de xoias de valor, pertencentes a varios membros da súa familia, gardadas nun caixón oculto nun armario do dormitorio. O valor total do subtraído estímase en arredor de 100.000 euros.
A investigación da Garda Civil revelou que unha persoa que mantivera unha relación sentimental cun familiar da vítima confesou a través dunha rede social que subtraera as xoias.
Debido ao seu coñecemento sobre o lugar onde a vítima gardaba unha copia das chaves da vivenda, o detido logrou acceder ao interior do domicilio sen a presenza de ningún membro da familia.
Ademais, en mensaxes en redes sociais, admitiu vendelas en varios establecementos de compravenda de ouro en Santiago de Compostela, nos que, nalgún caso, proporcionou a súa conta bancaria para recibir os pagos.
A Garda Civil logrou comisar a maioría destes lotes, procedendo á devolución das mesmas ao seu propietario.