Deteñen un párroco e a súa parella en Badaxoz por traficaren con Viagra
Deteñen un párroco e a súa parella en Badaxoz por traficaren con Viagra
O Bispado de Plasencia lamenta "os feitos descritos pola dor, sufrimento e escándalo que supoñen"
A Garda Civil detivo un párroco de Don Benito (Badaxoz) e a súa parella sentimental no marco dunha investigación contra o tráfico de Viagra, un medicamento para tratar a disfunción eréctil, e outros "potentes afrodisíacos" nesta localidade pacense.
O detido é cura na parroquia de San Sebastián e tamén profesor de relixión no colexio Sagrado Corazón da vila estremeña.
As detencións tiveron lugar o pasado luns. Foi tras a autorización por parte do xulgado da entrada e rexistro nunha vivenda de Don Benito na que habitaba de forma oficial o párroco.
Nela, supostamente tamén vivía outro home implicado nesta trama, quen ademais sería a súa parella sentimental.
Tras prestar declaración no xulgado, o xuíz decretou que o crego compareza os días 1 e 13 de cada mes, unha vez decretou a súa liberdade provisional. A súa parella, en cambio, ingresou en prisión.
A investigación, segundo confirma a Garda Civil, iniciouse hai varios meses en relación ao tráfico ilegal de substancias prexudiciais para a saúde.
Aínda que a primeira hora do luns o sacerdote oficiou unha misa na parroquia de San Sebastián, segundo puido coñecer EFE. Posteriormente tivo lugar a detención por parte da Garda Civil.
Fontes próximas á investigación apuntaron tamén a que mesmo estarían traficando cunha mefedrona, unha droga de tipo estimulante como a anfetamina.
A investigación continúa aberta e non se descartan máis detencións. A Garda Civil trata de establecer se hai máis persoas involucradas neste caso.
Ao parecer, tras os habituais seguimentos, os axentes que investigan o caso comprobaron a trasfega de persoas que acudían ao lugar, a vivenda dos detidos, para adquirir os produtos de maneira irregular.
No rexistro da vivenda foi comisado material estimulante e achados uns 3.300 euros en efectivo.
En declaracións aos medios, o avogado do sacerdote, Jesús Carretero, confirmou que o seu cliente quedou en liberdade con cargos e que este “non tiña coñecemento” dos feitos.
Tamén sinalou que “todo o que se está dicindo é absolutamente falso” e asegurou que “non hai ningunha proba que o incrimine”, pois "non tiña coñecemento de nada".
O Bispado de Plasencia, do que depende Don Benito, a través dun comunicado lamentou este martes "os feitos descritos pola dor, sufrimento e escándalo que supoñen". Dende a Diocese din que están "atentos" ao desenvolvemento da investigación, "con prudencia e respecto cara ás persoas implicadas", e amosan "disposición a colaborar en todo o que sexa necesario".