Deteñen un veciño de Ferrol polas agresións a sete mozos nunhas festas de Valdoviño
Deteñen un veciño de Ferrol polas agresións a sete mozos nunhas festas de Valdoviño
Hai outra persoa investigada como autora ou indutora dos incidentes
Os feitos sucederon na verbena das festas patronais de Vilaboa o 22 de maio
Axentes da garda Civil informaron este sábado da detención dun mozo de Ferrol polas agresións nas festas patronais de Vilaboa, en Valdoviño o 22 de maio, uns feitos polos que ademais se investiga outra persoa en calidade de autor ou indutor das liortas.
Atribúenlle catro delitos de lesións, tras ser identificado tanto polas vítimas coma polas testemuñas. Sete mozos sufriron daquela na verbena unha brutal malleira. O equipo Roca da Garda Civil de Ferrol, en colaboración co posto de Cedeira, arrestou o home ao que considera o suposto autor das lesións e investiga outra persoa á que, ademais de considerar autor ou indutor das agresións, lle atribúe tamén outro delito de lesións.
A Garda Civil sinala que os denunciantes declararon que "nin coñecían nin tiveran ningún enfrontamento previo" co agresor.
Os feitos sucederon durante a celebración das festas patronais de San Vicente hai un mes.
Ata sete mozos da veciña Cedeira e de entre 17 e 27 anos foron atendidos por persoal médico tras as liortas. Os principais afectados puxeron unha denuncia conxunta ante a Garda Civil. Proporcionaron vídeos e fotos captadas por persoas presentes na verbena.
O seu relato apuntaba a golpes cunha botella, mordeduras no dedo dunha man ou fracturas nas pernas ou no nariz, entre outras consecuencias.