Detido o Pastilla un mes despois de fuxir do cárcere de Alcalá Meco
Detido o Pastilla un mes despois de fuxir do cárcere de Alcalá Meco
Foi arrestado en Alemaña, nunha estación de tren de Leizpig
Ten dous procedementos abertos por asasinato
A policía detén nunha estación de tren de Leizpig (Alemaña) a Yousef Mohamed Lehrech, máis coñecido como o Pastilla, que fuxiu hai un mes do cárcere madrileño de Alcalá Meco.
O detido fuxira o 23 de decembro do cárcere en que se atopaba en prisión provisional por dous asasinatos. Tivera ese día unha comunicación no locutorio cos seus familiares, nunha xornada de moita afluencia de visitas debido á tempada natalicia, e aproveitou para escapar.
Segundo informou este xoves a Policía Nacional, os investigadores da Sección de Localización de Fuxitivos deste corpo tiñan aberta unha investigación a través da Rede Europea de Equipos de Procura Activa de Fuxitivos (ENFAST) que o situaba en territorio xermano.
Segundo denunciaron tras a súa fuxida fontes do colectivo de funcionarios, atopábase nun módulo de respecto de mozos, onde os internos se comprometen a realizar unha serie de actividades e a manter unhas normas de conduta establecidas.
Por este suceso, o Ministerio do Interior abriu un expediente disciplinario a varios funcionarios.
O Pastilla cumpría prisión provisional por asasinar presuntamente un dos considerados capos da droga de Ceuta, Nayim K.A., alcumado Tayena, quen o 12 de abril de 2023 recibiu un disparo no peito en Los Barrios (Cádiz). Tamén ten outro procedemento aberto polo asasinato por erro en Alxeciras dun mozo a quen supostamente confundira con outra persoa.