Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido por tráfico de drogas logo dunha espectacular persecución por Ribadeo

Detido por tráfico de drogas logo dunha espectacular persecución por Ribadeo

O vehículo chegou a circular a 170 quilómetros por hora

Un dos ocupantes levaba dous pequenos envoltorios con cocaína

Garda Civil Garda Civil
G24.gal 05/07/2024 16:17

A Garda Civil detivo en Ribadeo un veciño da Veiga (Asturias) de 48 anos de idade como suposto autor dun delito tráfico de drogas, despois dunha espectacular persecución en coche polas rúas desa localidade da costa de Lugo.

Segundo informou este venres a Comandancia de Lugo, a investigación comezou semanas atrás tras ter coñecemento a Garda Civil da existencia dun posible punto de venda de substancias estupefacientes nunha céntrica rúa de Ribadeo.

Os axentes que participaron no dispositivo de vixilancia localizaron o turismo empregado habitualmente polo principal sospeitoso de dirixir ese punto de venda de drogas. Ademais, estaba aparcado nunha zona onde precisamente nos últimos meses xa se levaron a cabo varias intervencións policiais contra o tráfico de estupefacientes.

Ese coche abandonou o lugar de madrugada. Cando os seus ocupantes descubriron a vixilancia policial, comezaron a circular a gran velocidade por distintas rúas de Ribadeo, ata que finalmente deixaron a localidade por diversas estradas nacionais e locais.

Unha patrulla da Garda Civil, coas luces de emerxencia activadas, realizoulle ao condutor do vehículo constantes sinais para que parase, pero fixo caso omiso das mesmas e mesmo chegou a invadir en numerosas ocasións o carril esquerdo das vías polas que circulaba a unha velocidade moi elevada. Chegou a alcanzar os 170 quilómetros por hora.

Na Veiga (Asturias), o vehículo detívose por un instante e o ocupante do asento dianteiro apeouse para tentar fuxir a pé, pero foi interceptado pola Garda Civil.

A persoa detida portaba un envoltorio de plástico de cor azul, oculto á altura da zona dos xeonllos do pantalón, no que levaba 65,56 gramos de cocaína.

Ademais, os axentes atoparon outro envoltorio do que tentara desfacerse, idéntico ao primeiro, con outros 8,68 gramos de cocaína. Ademais, na súa mochila acharon unha lata de refresco manipulada para transportar droga no seu interior.

A investigación continúa aberta para identificar o condutor do turismo, un coche que é propiedade da nai do detido, unha persoa de avanzada idade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade