Deteñen un home en Aldán (Cangas) por atropelar a veciña de xeito supostamente intencionado
Deteñen un home en Aldán (Cangas) por atropelar a veciña de xeito supostamente intencionado
Está acusado dun delito de homicidio en grao de tentativa con resultado de lesións
A Garda Civil detivo un home en Cangas por atropelar a súa veciña, supostamente, de maneira intencionada. Os feitos sucederon o domingo día 7, contra as dez da noite. A muller varría á porta da casa, na rúa Areacova en Aldán, e o veciño atropelouna coa furgoneta.
Conta ela que viu como o home saía no vehículo da calella onde ten a casa, e que marchou cara abaixo. Non contaba -di ela- con que se detivera, metera a marcha atrás e a pillara a toda velocidade.
Coa forza do impacto, saíu despedida varios metros e quedou ferida, tendida no chan. Pero conta que puido ser aínda peor, porque o home manobrou para dar volta e arrancou outra vez en dirección a ela. Cre que segue viva porque o seu marido conseguiu obstaculizar o paso do vehículo varias veces, ata que marchou do lugar.
Son veciños lindeiros, e levan anos con problemas de convivencia. Din que xa puxeron varias denuncias e, segundo contan a vítima e o marido, día si e día tamén ou lles tira lixo na parcela, ou pedras ao coche, ou reciben insultos ou ameazas. Pero nunca pensaron acabar así. Ela xa recibiu a alta hospitalaria, con fractura de pulso e traumatismo cranioencefálico.
A Garda civil prendeu o presunto agresor, que xa foi posto a disposición xudicial. Acúsano dun delito de homicidio en grao de tentativa con resultado de lesións. Ata o xuízo non poderá achegarse pola casa: ten unha orde de afastamento da vítima de 150 metros, e prohibida a comunicación con ela.