Detido un home en Vigo con 3 ordes de arresto e unha de ingreso en prisión
Detido un home en Vigo con 3 ordes de arresto e unha de ingreso en prisión
A policía descubriu as causas pendentes cando o prendeu porque entrara nunha vivenda que tiña alugada
11 frechas, un martelo, unha gadaña ou unha machada, entre os obxectos que lle comisaron os axentes
A Policía Nacional detivo en Vigo un home de 36 anos que tiña pendentes dúas ordes de detención por dous posibles delitos de ameazas e unha terceira orde de arresto e ingreso en prisión para cumprir unha condena de cinco anos de cadea por tráfico de drogas.
Os axentes descubriron as causas que tiña pendentes cando o prenderon por outros feitos. O detido entrou nunha casa da súa propiedade que tiña alugada. O inquilino foi quen avisou a policía porque o veu a través das cámaras que ten instaladas na vivenda.
Cando chegaron os axentes, atoparon o home nunha actitude agresiva. Ameazounos cunha gadaña e lanzoulles varios obxectos ademais de dúas pedras que acabaron rompendo un escudo policial. Finalmente, os axentes conseguiron detelo pola forza. Foi aí, ao identificalo, cando descubriron as causas que tiña pendentes.
No arresto, a policía incautouse dalgúns dos obxectos que lle lanzou o arrestado así como de once frechas, un martelo, unha machada, unha gadaña e dous extintores, entre outras cousas.