Dez médicos de familia fan gardas voluntarias nos PAC de Pontevedra
Dez médicos de familia fan gardas voluntarias nos PAC de Pontevedra
O Sergas ofrece incentivos económicos para paliar a falla de persoal
Para paliar a falta de facultativos o Sergas ofrece incentivos económicos ao persoal médico que faga gardas voluntarias nos PAC, os puntos de atención sanitaria continuada.
Na primeira semana de vixencia deste plan, en Pontevedra, a provincia con máis falta de médicos, xa hai dez facultativos anotados nestas listas de suplentes.
Como máximo os médicos de familia poderán asumir sete e como máximo chegarían aos 5.300 euros de sobresoldo. Teñen que estar, o día da garda, a menos de media hora do centro de traballo.
"Os escenarios económicos van desde que non os chamen ningún día ata que os chamen un número importante de días e que os poidan facer. Esa é a marxe que está no ámbito das retribucións habituais na asistencia sanitaria", explica a Televisión de Galicia, Julio García Comesaña, o conselleiro de Sanidade.
A área sanitaria galega con máis problemas á hora de cubrir a falta de médicos de familia nos PAC está sendo a de Pontevedra e o Salnés.
"Desde o luns pasado está aberto o proceso de dez días para inscribirse nesa lista para estar dispoñibles a cubrir eses ocos que temos, a maior parte deles, na área sanitaria de Pontevedra", declara o conselleiro de Sanidade.
Na provincia de Pontevedra hai xa dez profesionais dispostos a cubrir a falta doutro compañeiro por unha baixa ou pola propia falta estrutural dunha praza de médico de primaria.