Di AEMET que teremos un verán cálido e seco tras unha primavera chuviosa
Di AEMET que teremos un verán cálido e seco tras unha primavera chuviosa
En marzo houbo tormentas cada dous días, en abril nevou en cotas altas e en maio as precipitacións foron un 67 por cento máis abundantes do habitual
O delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía en Galicia, Francisco Infante, explicou este xoves que a comunidade galega pechou unha primavera cálida e moi húmida que dá paso a un verán que probablemente será especialmente cálido e seco.
Nunha conferencia de prensa que coincide co inicio do verán, Infante repasou os datos da estación que termina, con 0,3 graos Celsius máis que a media e un 46 % máis de precipitacións que a media da serie, desde 1961, tras cinco primaveras que foron secas.
A clave do aumento de temperaturas estivo nas mínimas, que foron máis altas que o normal, mentres que as máximas mantivéronse en valores habituais.
Xuño, ata o de agora, é un mes máis frío e máis húmido do normal ata o momento, aínda que a partir de mañá empezan a cambiar as condicións e espérase unha fin de semana de San Xoán con aumento de temperaturas, con mínimas esa noite por encima dos 14 graos en toda Galicia antes dunha semana máis cálida e seca do normal.
De cara ao inicio da tempada estival, segundo Francisco Infante, existe "unha probabilidade moi alta de que o verán sexa máis cálido do normal", de feito hai un 20 % de probabilidades de que estea entre os máis cálidos da serie.
En canto a precipitacións, o máis probable é que sexa máis seco que os valores medios habituais nesta estación.
Coincidindo co cambio de estación, o delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía en Galicia, Francisco Infante, analizou como foi a primavera na nosa comunidade.
Deixamos atrás unha das primaveras máis húmidas da serie histórica
Por meses, marzo foi normal a nivel térmico, aínda que foi moi chuvioso e tivo 16 días de tormenta, ademais de nevadas, que este ano foron máis na primavera que no inverno en Galicia, aínda que non foron excepcionalmente copiosas.
Abril foi cálido, o sexto con maiores valores da serie, e normal en canto a temperaturas, ademais de sumar unha nevada na zona alta da provincia de Lugo o día 27.
A temperatura máxima absoluta do mes e do trimestre foron 33,9 graos en Ourense, que tamén foi o récord histórico na cidade nese mes, e a mínima rexistrouse o 29 de abril en Beariz (Ourense), con -2,6 graos.
Maio foi un mes frío, con máximas máis baixas do normal e mínimas en valores normais, ademais de contar con precipitacións moi abundantes, un 67 % máis, con datos como máis de 160 litros por metro cadrado en Mazaricos ou máis de 150 en Rois en 24 horas os días 3 e 4, ambos no interior da Coruña.
"É o primeiro mes frío desde novembro de 2021", resumiu Infante, que indicou que Galicia levaba dous anos e medio con meses cálidos ou normais.
En España, o trimestre foi tamén cálido, aínda que en precipitacións foi normal e o balance hídrico mostra en Galicia "un claro superávit de precipitación", que contrasta co déficit na zona mediterránea.