Diego Calvo: "Espero que o novo Goberno tome en serio a relación con Galicia"
Diego Calvo: "Espero que o novo Goberno tome en serio a relación con Galicia"
O vicepresidente primeiro da Xunta di agardar un cambio de actitude do novo executivo de Sánchez cara ás comunidades autónomas
Insiste na necesidade da conferencia de presidentes para saber os efectos dos pactos de investidura nas comunidades
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, pídelle ao novo Goberno de Pedro Sánchez que cambie a súa "actitude con Galicia".
Nas vésperas de que transcenda a composición do novo executivo de coalición, nunha entrevista na Radio Galega, Diego Calvo expresaba o seu desexo de que varíe a actitude do Goberno de Sánchez coas comunidades autónomas e "tomen en serio as relacións con Galicia".
Segundo argumentou no Galicia por diante fin de semana, hai moitos asuntos de competencia estatal que seguen pendentes a día de hoxe e "queremos que nos dean contestación".
"A nós gustaríanos que cambiase a actitude con respecto a Galicia. Temos moitos asuntos pendentes, moitos asuntos dos que levamos meses sen ter noticias e cando tiñamos noticias eran moi desalentadoras. Eu espero que tomen en serio as relacións coas comunidades autónomas e tomen en serio a relación con Galicia".
Diego Calvo asegura que sobre o AVE, coa chegada dos trens Avril a Galicia, o arranxo da A-6 ou a aposta decidida polo Corredor Atlántico Noroeste de Mercadorías son prioridades, así como que o Goberno rectifique no seu recurso de inconstitucionalidade contra a lei galega do litoral.
Sobre este asunto, Calvo di que lle gustaría que o Goberno "fose quen de poder rectificar".
"De dicir que se equivocaron no seu momento e que podemos chegar a un acordo e que loxicamente entra dentro das nosas competencias".
Con todo, admite ter "poucas esperanzas sobre todo polas formas nas que o Goberno central estivo a desenvolver durante estes meses a súa actividade". Mesmo cualifica de "chiste"que dende o Goberno se chegara a dicir que a lei galega do litoral "era unha declaración de independencia".
Conferencia de presidentes
O vicepresidente primeiro da Xunta insiste na necesidade de que o presidente do Goberno convoque a conferencia de presidentes para explicar os posibles efectos dos pactos de investidura nas comunidades así como a futura lei de amnistía. De feito, tras asegurar que a están estudando, avisa que "imos defender a Galicia por riba e todo".
"Que non sigan a tomar isto a broma, que non pensen que se pode facer o que sexa, que se poden adaptar as leis, que se poden torcer ata puntos insospeitados para poder seguir gobernando. Queremos que convoquen esa conferencia de presidentes, que chamen a todas as comunidades. Loxicamente, a lei de amnistía e todo iso estamos a estudala e veremos o que imos facer pero que ninguén dubide de que imos defender Galicia por riba de todo".
Orzamentos da Xunta 2024
Na véspera de que o pleno do Parlamento galego acolla o debate de totalidade do Proxecto de lei de orzamentos da Xunta para 2024, Diego Calvo asegura que a normalidade desta tramitación é a gran diferenza entre o Goberno galego e o central.
Segundo a súa tese, no Goberno de España dende a convocatoria electoral das xerais de xullo ata o día de hoxe "non traballou ninguén" e "nós pola contra, o que seguimos foi mantendo esa illa de estabilidade, ese goberno que se seguía a preocupar polos problemas dos cidadáns".
"Con este orzamento, o que facemos unha vez máis, o que facemos todos os anos que goberna o PP, é que o novo orzamento entre en vigor o un de xaneiro de 2024".
Algo que para o vicepresidente é motivo de orgullo porque di que é "a garantía desa estabilidade, dun goberno serio".