Diego Martínez: "Imos ser competitivos"
Diego Martínez: "Imos ser competitivos"
O seleccionador mostrouse moi ilusionado por dar espectáculo e gañar o partido
Diego Martínez atendeunos esta mañá para falar do partido da Selección Galega ante Panamá. O seleccionador explicou as claves da convocatoria, cuxas razóns principais para conformala foron a dispoñibilidade dos xogadores e o máximo nivel posible. Ademais, recalcou a máxima predisposición de todos aqueles que acoden á chamada do combinado galego e dos que non o puideron facer.
"Imos ser competitivos. Somos os que somos e estamos os que estamos", dixo Diego Martínez para depositar a súa máxima confianza no grupo e recalcar a importancia de que os clubs máis importantes de Galicia estiveran representados na "festa do fútbol galego". O vigués relacionou a ausencia de xogadores con factores relacionados coa competición de máximo nivel como a esixencia física das temporadas ou as apertadas axendas de clubs e futbolistas. Malia todo, Diego Martínez quixo alegrarse polo feito de que houbera xogadores galegos no máis alto nivel europeo e que, aínda que non poidan ir coa selección, é motivo de orgullo para todos.
Diego Martínez quixo deixar claro que unha das súas prioridades tamén foi non prexudicar ningún club nin xogador. Por iso quixo agradecer ao Rácing ou ao Deportivo, con partidos neste mesmo fin de semana, a presenza dos seus xogadores e a comprensión dos seus adestradores para pactar a súa xestión e deixalos acudir á convocatoria. O vigués destacou como un dos puntos clave que existira unha combinación de xogadores máis e menos coñecida e que mesmo pode resultar un escaparate para estes últimos a nivel europeo.
No relativo a Panamá, que vén de xogar no día de onte ante Cataluña, o técnico quixo destacar a súa fortaleza física e o tempo que leva a maior parte do seu grupo xogando xunta. Para el é un reto o partido, pero confía en "facer un día e medio o que os clubs fan nun ano".