Díez de Castro: "A LOSU non soluciona os problemas reais das universidades"
Díez de Castro: "A LOSU non soluciona os problemas reais das universidades"
O secretario xeral de Universidades da Xunta dixo que non establece un modelo para competir globalmente
Este 2023 ten varios puntos marcados polas novidades canto á lexislación educativa estatal. Abordamos o último que acaba de entrar en vigor, onte mesmo. A nova lei de universidades, coñecida como LOSU, Lei Orgánica do Sistema Universitario.
A norma polo momento xa xerou a oposición dos departamentos de educación das comunidades autónomas gobernadas polo PP, entre elas Galicia. No programa Bos días falou da lei José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta.
Lamentou a incapacidade da lei para resolver os problemas reais. A universidade ten que competir tamén nun mundo globalizado e para iso hai que establecer un modelo.
"O Goberno non fixo un modelo, o que fixo foi recoller achegas de distintos grupos, sen consultar cal podería ser o futuro da universidade, e ir recollendo os acordo parciais a que chegaba o ministerio".
Para calquera norma que quede na lexislación, que as comunidades autónomas teñen que adaptar, o normal é facer unha negociación conxunta. Deixa temas fundamentais coma a gobernación das universidades arredada do que se está a facer en Europa. Deixa o que xa había.
Hai que competir coas universidades americanas e mesmo as chinesas. As universidades internamente que establezan os seus órganos asemblearios para tomar as súa decisións. As universidade son autónomas, pero a lei tería que dirixirse cara a un modelo para competir co resto de Europa e o resto do mundo.
"Non hai entrada da sociedade civil, que é fundamental para manter as universidades. En Galicia achégase as universidades galegas públicas 1.300.000 euros que saen dos impostos dos cidadáns. Polo que as universidades teñen que atender as necesidades da sociedade. Formar ben as alumnas e alumnos para que estean ben preparados e poidan optar a postos de alto valor engadido e boa remuneración salarial. O contacto coas empresas é inevitable, potenciar moi rápido os graos e mestrados duais para facilitar o labor".
En verbas de Díez de Castro, non hai compromiso para aplicar o 1 % do gasto do PIB na universidade. O modelo de financiamento que se propón na lei, asegura, xa existe en Galicia dende hai dez anos.