Dimite o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada
Dimite o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada
A alcaldesa, Inés Rey, asumirá temporalmente as funcións de Villoslada
A renuncia de Villoslada farase efectiva no pleno ordinario deste xoves, 10 de marzo
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada, presentou esta mañá a súa dimisión como membro da corporación municipal despois de case tres anos á fronte destas áreas.
A alcaldesa, Inés Rey, asumirá temporalmente as funcións de Villoslada, cuxa renuncia se fará efectiva no pleno ordinario do vindeiro xoves 10 de marzo.
Inés Rey agradeceu ao alcalde o seu traballo durante este mandato á fronte destas áreas de goberno e desexoulle sorte na nova etapa que comeza fóra da política activa.
O concelleiro socialista presentou a súa dimisión, ao parecer, polas discrepancias que mantén co executivo municipal dende hai xa meses.
O responsable das áreas de Urbanismo, Vivenda e Mobilidade, comunicara esta decisión ás poucas horas de que a agrupación socialista coruñesa elixira a nova dirección local, con Inés Rey á cabeza, e da que Villoslada quedou excluído, despois de ir de número catro nas municipais de 2019.
A súa saída do Goberno local, sen dúbida, non vai ser indiferente, xa que as súas áreas tiveron durante este mandato un gran protagonismo, por abordar algúns dos proxectos máis relevantes para a cidade, como pode ser o deseño da futura fachada marítima, a ordenación do bordo litoral da ría do Burgo, ou a nova planificación da mobilidade urbana.
Todo apunta a que o seu substituto será o actual asesor da Concellería de Urbanismo e integrante do novo comité local, Fran Dinís, polo posto que ocupaba na listas municipais.
A saída de Villoslada é xa o terceiro movemento que se produce no Goberno local da Coruña.