Dimite o ministro de Transportes grego tras o accidente ferroviario de Larissa
Dimite o ministro de Transportes grego tras o accidente ferroviario de Larissa
Trinta e seis persoas morreron ao bater frontalmente dous trens
Detido un xefe de estación acusado de homicidio involuntario
O accidente aconteceu pouco antes da medianoite preto da cidade de Larissa, 300 quilómetros ao norte de Atenas.
Un tren de pasaxeiros bateu frontalmente contra un de mercadorías cando os dous ían a gran velocidade.
As máquinas quedaron practicamente desfeitas, tres vagóns descarrilaron e dous deles arderon: no seu interior, as temperaturas chegaron ata os 1.500 graos.
Hai 36 mortos e 85 feridos, pero tamén varios desaparecidos. Moitas das vítimas eran mozos que volvían á cidade universitaria de Salónica tras os carnavais.
O primeiro ministro grego Kyriakos Mitsotakis achegouse ao lugar da traxedia, onde prometeu o esclarecemento do sinistro.
O accidente aconteceu nun treito de dobre vía, pero por algún motivo, os dous convois ían pola mesma.
O responsable do cambio de agullas, o xefe de estación de Larissa, está detido baixo acusación de homicidio involuntario, aínda que, segundo a súa declaración, foi o sistema o que non respondeu.
O gremio ferroviario aproveitou para denunciar a precariedade dos ferrocarrís gregos, demasiado dependentes aínda de procedementos manuais.
O ministro de Transportes, que admitiu que o sistema ferroviario é impropio do século XXI, presentou a súa dimisión.
É o accidente de tren máis grave acontecido en Europa desde o do Alvia en Santiago en 2013.