Directivos de Galicia, Asturias e Castela e León abordan en Santiago os retos do tecido empresarial
Directivos de Galicia, Asturias e Castela e León abordan en Santiago os retos do tecido empresarial
Piden que se axilice a xestión dos Fondos Europeos e destacan a importancia da conectividade, a sostibilidade e a captación de talento
Directivos de Galicia, Asturias e Castela e León compartiron en Santiago os retos que afrontan e as respostas para eses desafíos comúns. O vicepresidente económico da Xunta asegurou que cando o noroeste actúa como macrorrexión o impacto é maior, e puxo como exemplo o impulso que o último cumio supuxo para o Corredor Atlántico.
Conde dixo que o tecido empresarial precisa de conectividade e do apoio da Administración. E destacou a oportunidade que poden supor os Fondos Europeos se se axiliza a súa xestión.
"Hai unha lentitude evidente, apenas se convocou o 32 % dos fondos destinados a PERTE industriais. Necesitamos esa resposta", asegurou.
Coincide o CEO de Televés, que aspira ao proxecto de microchips. "Nós como industria quixéramos que foran moito máis de presa. Tamén hai competencia entre os países europeos, preo somos optimistas".
Mobilidade e sostibilidade son algúns dos retos que afrontan as empresas. O conselleiro delegado de Abanca destacou tamén a captación do talento, especialmente dos máis mozos.
"Son menos, están moi formados, pero non se adecúan a oferta e a demanda", resumiu Francisco Botas.
A conxuntura económica tamén está marcada pola inflación.
"As pandemias tenden a traer deflación, pero esta trouxo inflación porque pagamos o mundo como quen apaga un motor, e o queremos acender, pero o motor está afogado. Creo que comezamos con firmeza o percorrido para dominar esta inflación", explicaba o economista José Manuel González-Páramo.
González-Páramo di que ese camiño vai ser longo porque a guerra de Ucraína engade incerteza tamén na economía.