Dispárase a demanda de tratamentos estéticos para pel e dentadura
Dispárase a demanda de tratamentos estéticos para pel e dentadura
Os clientes queren corrixir os efectos das máscaras na cara e nos dentes
As vodas favorecen este aumento de preocupación pola estética
Vodas, festas e outros eventos, saír cos amigos ou ir á praia son motivos para que o noso aspecto nestas semanas, sobre todo o da faciana, sexa o mellor posible. Logo de dous anos de máscara, hai que corrixir os efectos desta sobre a pel e a dentadura.
Escurecemento dos dentes, pel reseca e acne ou irritacións en boca e cara son problemas que se dispararon e que requiren de tratamentos específicos como os branqueamentos dentais.
Nos centros de estética as reservas para os vindeiros días están esgotadas. Sobre todo por xente que quere estar do máis presentable nas numerosas vodas desta época do ano.
Recuperar o brillo e a elasticidade da pel que se perderon tras as máscaras é unha prioridade e a tecnoloxía facilita esa recuperación con técnicas como a do carbón activo. Tamén hai que combater a acne, que non é algo só da mocidade.
Se durante a pandemia o noso aspecto físico pasou a un segundo plano, coa volta á normalidade semella que se converteu nunha prioridade e hai que recuperar o tempo perdido.