Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dispárase o prezo da carne en Portugal

Dispárase o prezo da carne en Portugal

Os produtores advirten de problema na subministración cos prezos actuais da enerxía

O sector cárnico en Portugal xera uns 6.400 postos de traballo en 93 empresas asociadas

 

G24.gal 06/10/2022 13:18

Uns 50 céntimos máis por quilo de carne. É a media do aumento de prezo dos produtos nas carnicerías portuguesas, onde xa notan a baixada das vendas.

Joaquim Peixoto, ten unha carnicería en Valença do Minho: "Tiven que subir os prezos e terei que volver subilos. En venda ao público subirá mínimo 50 céntimos o quilo. Se non subimos os prezos, que as empresas si soben, temos que pechar as portas".

Noutra carnicería da zona, malia que venden carne galega, coñecen ben o problema no mercado portugués. "Os prezos soben. Sobe a mercancía, os animais, e nós temos que subir a carne", explica Ricardo González Moreira, propietario do establecemento.

Os clientes recoñecen que esa suba de ata un 20 % no prezo da carne xa lles fixo cambiar os seus hábitos de consumo.

Os produtores advirten de que sufriron un incremento de ata o 500 % nas súas facturas de luz e gas. Ademais, explican que ese sobrecusto fixo que escasee o CO2, empregado nos matadoiros de porcos. "Se non o tes, non poderás sacrificar porcos, e non haberá carne nos puntos de venda, pero é a realidade cos custos tan elevados", apunta Carlos Ruivo, presidente da asociación portuguesa de industrias da carne.

Estiman que a redución do IVE nos elaborados a base de carne a un 6 % permitiría aforrar uns 80 millóns de euros anuais aos consumidores. O sector cárnico en Portugal xera uns 6.400 postos de traballo en 93 empresas asociadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade