Polo menos 35 mortos na explosión dunha gasolineira en Rusia
Polo menos 35 mortos na explosión dunha gasolineira en Rusia
Fontes oficiais din que o incendio se produciu polos traballos de reparación dun vehículo nunha zona próxima
A explosión dunha gasolineira en Rusia, en Daguestán, causou cando menos 35 mortos, e ademais hai ducias de feridos. As autoridades rusas din que todo comezou durante os traballos de reparación dun automóbil nunha zona próxima á estación de servizo.
O lume comezou contra as nove da noite, hora galega, e segundo as autoridades apagárono en case catro horas. Chegou a cubrir unha área de 600 metros cadrados e preto de trescentas persoas colaboraron na súa extinción.
As circunstancias deste suceso non están aínda claras. Parece ser que houbo unha forte explosión nesta gasolineira de Makhachkalá, a capital da rexión rusa de Daguestán, ao sur do país e canda o mar Caspio. Fontes oficiais din que o incendio se produciu polos traballos de reparación dun vehículo nunha zona próxima á estación de servizo, onde hai coches aparcados, e as axencias locais citan testemuñas sen identificar.
As autoridades médicas informaron de 27 falecidos, entre eles tres nenos, e de 66 feridos, dos cales dez están estado crítico. Os máis graves foron trasladados a Moscova, a case dous mil quilómetros desta cidade de Makhachkalá.