Dous anos e medio de cárcere para 13 migrantes que saltaron o valado de Melilla
Dous anos e medio de cárcere para 13 migrantes que saltaron o valado de Melilla
O pasado 24 de xuño houbo un salto masivo ao valado que provocou a morte de 23 persoas
O Tribunal de Apelación de Nador, no nordés de Marrocos, condenou este mércores a dous anos e medio de cárcere a trece migrantes, na súa maioría sudaneses, polo salto masivo ao valo da cidade española de Melilla o pasado 24 de xuño que causou a morte de 23 persoas.
Segundo informou a Efe o avogado defensor Mbarek Buirek, os trece migrantes foron acusados de constitución de banda criminal para organizar emigración clandestina, violencia contra as forzas públicas, desobediencia e aglomeración armada, entre outros delitos.
Os trece migrantes forman parte dun grupo de 28 acusados que comparecen ante o mesmo tribunal. O caso do segundo grupo (composto de 15) foi posposto hoxe ao próximo 7 de setembro para convocar a axentes marroquís que foron feridos durante estes sucesos e que presentaran denuncias ante a xustiza.
O segundo grupo está acusado tamén de "retención" e tomar como reféns durante unhas horas a axentes marroquís durante os enfrontamentos cos migrantes en vésperas da traxedia de Melilla, o día 23 de xuño nun campamento de migrantes no bosque de Iznuden, a uns 20 quilómetros ao sur de Melilla.
O pasado día 19 de xullo, o Xulgado de Primeira Instancia de Nador condenou a once meses de prisión a outros 33 migrantes detidos durante os sucesos do 24 de xuño, e o día 4 de agosto sentenciou a 14 dos seus compañeiros a catro meses de cárcere.