Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidos pai e fillo na Coruña tras fuxir da policía por un caso de violencia machista

Detidos pai e fillo na Coruña tras fuxir da policía por un caso de violencia machista

O detonante da persecución foi a denuncia contra o pai, quen ten pendente unha orde de ingreso en prisión, por ameazas á súa exparella

TVG
G24.gal 11/10/2024 09:55 Última actualización 11/10/2024 15:07

Unha persecución policial rematou con dous detidos na Coruña, entre os barrios do Birloque e Matogrande.

Os detidos son dous varóns de 42 e 22 anos, pai e fillo. E foi a parella do primeiro quen chamou a policía contra as nove da noite ao se sentir ameazada ás portas da súa casa situada nun baixo da avenida de Glasgow, no barrio do Birloque.

Os axentes fixeron unha primeira batida pola zona, pero non localizaron o individuo, con 18 detencións previas e unha orde de detención para o seu ingreso en prisión pendente desde o 20 de maio pasado.

Ao parecer este home regresou pola casa da muller, desta volta cunha arma de fogo, segundo ela mesmo denunciou.

A policía detectou un vehículo que circulaba a gran velocidade e iniciou unha persecución que rematou no barrio de Matogrande. O condutor, que resultou ser o fillo do sospeitoso, foi detido alí mesmo. Non tiña antecedentes. O seu pai, que ía no asento do copiloto, fuxiu a pé.

Un dos axentes deulle alcance pero como o home se negaba a sacar as mans da cazadora, fixo dous disparos ao aire antes de reducilo finalmente, malia que seguiu ofrecendo resistencia.

A arma que supostamente levaba non puido ser localizada ata o de agora.

Os dous arrestados xa pasaron a disposición do Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, en funcións de garda, quen decretou a súa posta en liberdade.

O pai está investigado por un delito de resistencia e, o fillo, de desobediencia. O pai, con todo, ingresou en prisión porque tiña unha requisitoria de ingreso en prisión emitida polo Xulgado do Penal número 4 da Coruña. Ademais, deduciuse testemuño ao Xulgado de Violencia sobre a Muller pola posible comisión dun delito grave de ameazas sobre a súa muller, que acabou alertando á policía.

Nun inicio, a muller declarou que a ameazou con matala cunha arma. Posteriormente, a muller negou a existencia da arma (tampouco foi intervida) e asegurou que alertara á policía para que ingresase en prisión porque era coñecedora da requisitoria. Precisamente, ambos os dous investigados (pai e fillo) fuxiron da policía debido á existencia desa orde de entrada no cárcere. 

Outra persecución na Coruña

Á entrada da Coruña rematou nas últimas horas outra persecución policial que tivo como escenario a AP-9. Segundo fontes policiais, foron dúas unidades de intervención policial as que interceptaron un turismo ao viron circulando a gran velocidade e de maneira temeraria pola autoestrada, e que non respondeu ás indicacións que lle deron os axentes. A eles uniuse tamén unha patrulla da Garda Civil ata que lle deron alcance aquí. Agora o seu condutor está investigado por un delito de condución temeraria

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar