Dous detidos por roubar no edificio incendiado de Valencia
Dous detidos por roubar no edificio incendiado de Valencia
O Goberno declara zona catastrófica o inmoble e outorga medallas
Axentes da Policía Local de Valencia detiveron na madrugada deste martes a dous individuos tras sorprendelos cando estaban a roubar no edificio incendiado no barrio de Campanar o pasado 22 de febreiro, onde morreron dez persoas. Trátase de dous homes de 21 e 53 anos.
Zona catastrófica e condecoracións
O Goberno declarou este martes zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, o que se coñecía como zona catastrófica, áreas afectadas por incendios, inundacións e outros fenómenos en sete comunidades, entre elas o edificio destruído polo lume no barrio valenciano de Campanar.
Ademais, o Executivo aprobou a concesión de medallas ao Mérito da Protección Civil para todas aquelas persoas, servizos de emerxencia e corpos de seguridade que traballaron "ata o límite" durante o incendio.
Ao porteiro, Julián García, cuxa "valente actuación salvou moitas vidas", concédenlle a Medalla de Ouro ao Mérito da Protección Civil con distintivo vermello, que distingue a quen deu mostras de heroísmo ao arriscar a súa propia vida para protexer aos veciños do inmoble.