Dous días sen noticias do septuaxenario que desapareceu en Carballedo
Dous días sen noticias do septuaxenario que desapareceu en Carballedo
A busca esténdese a toda a comarca por se subiu nalgún coche
José Luis González ten 79 anos e padece demencia
Os drons da AXEGA rastrexaron a zona onde vive e onde o viron por última vez con cámaras térmicas
Cada hora que pasa diminúen as posibilidades de que a busca de José Luis, o veciño de 79 anos desaparecido este luns en Carballedo, teña un final feliz. Pero a súa familia conserva a esperanza de atopalo con vida e este mércores continuou o rastrexo das zonas próximas á súa aldea.
O equipo cinolóxico coordínase co resto do operativo para reemprender a busca de José Luis. A cadela Onza está especializada en atopar persoas desaparecidas. A primeira parada é a contorna da igrexa de Veascós.
Rastrexan a pé un radio duns tres quilómetros dende o lugar onde o viron por última vez, pero a busca esténdese a toda a contorna, xa que non descartan que puidese subir nalgún coche.
Tamén os drons da Axencia Galega de Emerxencias rastrexaron a zona onde vive e onde o viron por última vez con cámaras térmicas.
José Luis desapareceu o luns pola mañá. Fora levar unhas ovellas a un prado ao carón da súa vivenda na Raña e pouco despois vírono camiñando pola estrada.
Co paso das horas medra a angustia entre a familia. José Luis precisa medicación para a demencia, entre outras doenzas.
Unha carreira contra o tempo na que piden a colaboración de todo aquel que puidera ver algo para intentar dar co paradoiro de José Luis.