Unha posible indisposición do condutor, principal hipótese do accidente do autobús en Venecia
Unha posible indisposición do condutor, principal hipótese do accidente do autobús en Venecia
Vinte e un pasaxeiros morreron ao caer o vehículo desde unha rampla
Hai dous españois entre os feridos
Unha cámara de Tráfico captou o momento en que o autobús se precipita ao baleiro. Ía amodo e aparentemente está case parado cando vence o valo de protección. Foi unha caída de quince metros: despois, o vehículo empezou a arder.
En poucos minutos, os bombeiros chegaron ao lugar. "Conseguimos sacar quince persoas", conta o seu voceiro, "pero non puidemos facer nada polos demais". Dezanove pasaxeiros morreron no intre, e outros dous nas ambulancias. Entre os falecidos, hai dous nenos e unha adolescente.
Os ocupantes do autobús eran turistas que regresaban de Venecia ao seu cámping de Marghera. Entre os identificados hai cinco ucraínos e un alemán, ademais do chofer.
Outros quince pasaxeiros están ingresados en hospitais da rexión. Témese pola sorte de cinco deles, incluída unha nena de tres anos con queimaduras graves. Tamén hai dous españois. Non se teme pola súa vida.
A fiscalía de Venecia abriu unha investigación sobre as causas do sinistro. Estase analizando o estado da calzada e a caixa negra do vehículo. O lugar do suceso era unha recta. "Todo fai pensar nunha indisposición do condutor", explicaba o gobernador de Venecia.
Unha asociación de vítimas de tráfico denunciou a fraxilidade da varanda, pero o ministro de Transportes Mateo Salvini apurou a desbotar esta hipótese.
O autobús era eléctrico. Sospéitase que puido arder ao enredarse cuns cables de alta tensión. O Goberno rexional e o Concello de Venecia decretaron tres días de loito.