Dous falsos policías agriden violentamente un veciño de Fisterra
Dous falsos policías agriden violentamente un veciño de Fisterra
A brutal agresión tivo lugar ás catro da madrugada do luns na Insua, no camiño da Barcia, a escasos metros do desvío para a praia Mar de Fóra de Fisterra. Dous homes que ían nun coche de cor escura déronlle o alto á vítima. Tras identificarse como policías, ordenáronlle baixar do vehículo e comezaron a golpealo violentamente cun obxecto contundente.
O agredido asegurou fóra de cámara que o primeiro que pensou foi que, se perdía o sentido, acabarían matándoo. Dixo que se tirou a unha silveira e que conseguiu escapar deles. Pediu axuda a uns familiares que viven na zona e rapidamente o trasladaron ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee, onde lle deron trinta puntos de sutura na cabeza.
Este non é o primeiro episodio violento no que se ve involucrado o agredido; en setembro do ano 2020 queimáronlle o piso onde vivía.
Os autores do incendio, o Nocillas e o seu afillado, foron condenados a 15 e 13 anos de cárcere por estes feitos. Unha fonte próxima á vítima dixo que esta agresión podía estar relacionada co acontecido hai catro anos. Asegurounos que achegados dos autores do incendio lle ofreceron ao agredido 90 mil euros para que retirase os cargos, cousa que non fixo. Fontes policiais aseguráronnos que a vítima ten antecedentes por tráfico de drogas.
A Policía Xudicial de Corcubión está a investigar os feitos. As primeiras hipóteses apuntan a un axuste de contas.