Os dous grandes incendios de Galicia destruíron xa 85 vivendas
Os dous grandes incendios de Galicia destruíron xa 85 vivendas
Os incendios que máis preocupan pola súa actividade e proximidade aos núcleos habitados son os do Courel e Valdeorras
Os incendios que máis preocupan pola súa actividade e proximidade aos núcleos habitados son os do Courel e Valdeorras. Son os dous que teñen nivel de alerta 2 en Galicia. En total xa destruíron 85 vivendas e son os que máis superficie queimada están deixando.
En Carballeda de Valdeorras, a parroquia de Riodolas foi onde comezou o lume que conseguiu entrar no parque natural Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá. As chamas afectan o espazo protexido despois de arrasar medio cento de vivendas no seu percorrido. Os expertos falan dunha combinación de treboada seca e calor.
"A vexetación, despois dunha seca moi intensa e ese fenómeno de calor intensa, estaba propensa para arder. Se a cantidade de vexetación que temos polo noso abandono fai unha mestura moi complexa que é o que está a facer, a situación é moi difícil para os medios e as persoas que viven nesas zonas", asegura Juan Picos, profesor de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.
As parroquias de Seceda e Vilamor son os símbolos da destrución provocada polos incendios na Serra do Courel. Ao contrario do que pasaba nese mesmo momento en boa parte de Galicia, na Serra do Courel os raios chegaron sós, sen choiva que apagase o lume que provocaban ao caer. En Froxán e noutra media decena de lugares desta zona de montaña no sur da provincia de Lugo, o lume avanzou pola noite e á mañá seguinte xa desbordara os servizos de extinción.
"Cando se dan circunstancias desfavorables, o estado do territorio manda. É moito máis importante se cabe teimar na actuación previa no territorio, ser capaz de xerar, a partir de valor engadido, de produtos locais e tarefas de prevención, un territorio que se adapte mellor a este tipo de situacións", asegura Picos.
A serra do Invernadoiro é o incendio máis complicado de extinguir por ser unha zona de difícil acceso. Céntrase na parroquia de Pradoalbar, en Vilariño de Conso. Malia ser o máis complicado para a súa extinción, están a centrar os esforzos dos equipos nas zonas onde hai núcleos de poboación.