Detidos dous homes en Madrid por roubar reloxos de luxo en Barcelona
Detidos dous homes en Madrid por roubar reloxos de luxo en Barcelona
A Policía Nacional e os Mossos d'Esquadra dan por desartellado un grupo violento especializado neste tipo de delitos
Como se pode ver nas imaxes da cámara de seguridade, os asaltantes agardan a súa vítima no aparcadoiro, agárrana por detrás -á altura do pescozo- e forcexan con ela ata tirala ao chan. Esta era a técnica utilizada polos ladróns para facérense con reloxos exclusivos, de alto valor e con cartos en efectivo.
"Os detidos tiñan a súa base de operacións en Madrid e desprazábanse a Cataluña para cometer os asaltos violentos e posteriormente volver a Madrid co botín (...). A investigación comezou o mes de maio cando un home foi asaltado no aparcadoiro da súa casa por dúas persoas que lle roubaron un reloxo valorado en 160 mil euros", comenta unha axente da Policía Nacional.
Tempo despois, volveron actuar no interior doutro estacionamento tamén en Barcelona. Co mesmo método roubáronlle a un empresario o reloxo de 15.000 euros, 10.000 euros da recadación do negocio e o móbil.
Un equipo conxunto de axentes da Policía Nacional e dos Mossos d'Esquadra levou a investigación.
"O equipo formado por axentes de ambos os dous corpos policiais levou a cabo o martes pasado dúas entradas e rexistros en domicilios de Parla e Ciempozuelos, como resultado das entradas incautáronse de catro reloxos, once móbiles, unha baliza de xeolocalización, unha pistola eléctrica, diñeiro en efectivo e roupa utilizada nos asaltos", explica a policía.
Polo momento, hai dous homes detidos.