Dous mil cans son abandonados ao ano na provincia de Ourense
Dous mil cans son abandonados ao ano na provincia de Ourense
En 2023 rexistrouse o dobre de abandonos que o ano anterior
As protectoras de animais atribúen a repunta á falla de conciencia, o avellentamento e despoboamento do rural e o medo ás medidas da nova lei
Entran nas canceiras tres veces máis cans dos que saen en adopción
Coñece ben esta crúa realidade Beatriz Míguez, que preside a asociación Arume, unha protectora de cans abandonados do Carballiño. Uns seis animais diarios entran nos centros de acollida provinciais.
"É o dobre que o ano pasado. Na canceira do Carballiño por exemplo, hai agora 70 cans, cando hai tres anos só había seis", sinala Beatriz.
Apenas un dez por cento son devoltos aos seus donos. Misión complicada, porque dous de cada dez carecen de identificación. As medidas establecidas pola nova lei de protección animal e o avellentamento do rural inciden nesta repunta.
"A xente ten medo ás medidas da nova lei de protección animal, sobre as obrigas de ter os animais ben coidados, cos chips, etc. Ademais outra causa é o avellentamento dos donos, que xa non poden coidar os cans. Ou cando morren, seus familiares desfanse deles. E no rural, o despoboamento fai que moitos cans queden sen amparo", comenta a presidenta de Arume.
A adopción non vai todo o rápida que se desexa, malia que as protectoras entregan os animais en perfectas condicións. Cómpre máis conciencia e responsabilidade. Hai uns noventa mil cans rexistrados en toda a provincia.
Boa parte deles sobreviven en centros de acollida temporais agardando volver ao lugar do que un mal día os botaron.