Dous falecidos e catro feridos nunha colisión múltiple en Mugardos
Dous falecidos e catro feridos nunha colisión múltiple en Mugardos
A colisión produciuse ás dez da noite entre tres vehículos na vía principal de acceso ao centro da localidade
Segundo fontes municipais, o accidente tivo lugar durante un adiantamento nunha curva
Ademais dos falecidos, unha muller de 60 e un home de 26 anos, hai catro feridos, entre eles un menor
Dúas persoas faleceron e catro quedaron feridas, entre elas un menor, tras chocar tres vehículos en Mugardos, concretamente á altura do quilómetro 1,1 da estrada AC-123, no límite co municipio de Ares.
O sinistro ocorreu sobre as 22:00 horas deste mércores, e nel víronse involucrados un Seat León, un Citroën C-15 e un Hyundai Kona. As dúas persoas falecidas, unha muller de 60 e un home de 26 anos veciños de Mugardos, viaxaban nos dous primeiros vehículos.
Segundo a Garda Civil, todo apunta a que o accidente se produciu cando o Seat León invadiu o carril contrario a unha velocidade inadecuada o que, sumado ás condicións da vía e a choiva, levouno a chocar cos outros dous vehículos que ían en sentido contrario. Por outra banda, as probas de alcoholemia practicadas aos condutores do Seat León e Hyundai Kona deron negativas.
Á zona desprazáronse os profesionais do GES de Mugardos, que demandaron a colaboración dos Bombeiros de Ferrol para facilitar os labores de liberación de falecidos e feridos.
Igualmente participaron no operativo axentes da Garda Civil e profesionais de Urxencias Sanitarias. O 061 mobilizou unha ambulancia de soporte vital avanzado, dúas ambulancias asistenciais e persoal do PAC de Fene.
Ademais dos falecidos, quedaron feridas outras catro persoas: un home de 20 anos, un home de 33 anos, outro home de 21 e un menor, que foron evacuados ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.
O concello de Mugardos manterá durante tres días as bandeiras a media hasta "en sinal de loito".
O alcalde, Juan Domingo de Deus, aludiu a "unha triste e tráxica noticia" e lamentou "profundamente" o suceso, ademais de mostrar o seu "agarimo ás familias das vítimas e o desexo dunha pronta recuperación para os feridos".