Dous mozos feridos de consideración en senllas pelexas en Lugo
Dous mozos feridos de consideración en senllas pelexas en Lugo
Esta fin de semana houbo tamén unha liorta no barrio da Milagrosa, da que non constan feridos
Dous mozos quedaron feridos de consideración esta fin de semana por mor de senllas pelexas que se produciron de madrugada e que obrigaron a intervir a Policía Local e os servizos sanitarios de emerxencias.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, a primeira pelexa produciuse na madrugada do día 23, cando axentes do Grupo Operativo Nocturno viron a un mozo tirado no chan, na confluencia da Rolda da Muralla coa rúa Santiago, que estaba rodeado de varias persoas. Ao achegarse comprobaron que presentaba un forte golpe na parte superior da cabeza e que sangraba.
Os axentes falaron cun amigo da persoa ferida, quen lles explicou que momentos antes discutira cun individuo, porque é árbitro de fútbol e recoñeceuno. Durante a disputa, alguén o empurrou, caeu ao chan e golpeou a cabeza.
Mentres unha patrulla auxiliaba o ferido, que foi evacuado nunha ambulancia por persoal do 061 ao HULA, outros axentes localizaron e identificaron o suposto agresor, quen lles dixo que o agarraban polo pescozo durante a discusión, de modo que non tivo máis remedio que empurrar o ferido para repeler a agresión.
Os policías identificaron todas as persoas participantes nos feitos e as testemuñas presenciais. As dilixencias quedaron en mans da autoridade xudicial.
Tamén foron postas a disposición do xulgado as dilixencias por outra pelexa que se produciu na madrugada do día 24, na rúa do Merlo, cando outra patrulla da Policía Local atopou un mozo tirado no chan e inconsciente, rodeado tamén de varias persoas.
Tras recibir os primeiros auxilios, cando puido falar, o mozo díxolles aos policías que fora agredido, momentos antes, por outra persoa que se atopaba nas inmediacións. Mentres o suposto agredido era atendido por persoal do 061, outra patrulla ocupouse de identificar o suposto agresor, quen alegou que foi el quen tivo que defenderse da agresión do mozo ao que atoparon tirado no chan.
Houbo unha terceira liorta durante a fin de semana en Lugo, desta volta no barrio da Milagrosa. Tres persoas pelexaron ás portas dun bar con puñadas, patadas e ameazas con esa arma branca.
Os veciños avisaron a Policía Nacional, pero cando chegaron os axentes os implicados xa fuxiran. Nesta lea non constan feridos de consideración.