Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tensión no barrio de Recimil, en Ferrol, polo enfrontamento entre dous clans

Tensión no barrio de Recimil, en Ferrol, polo enfrontamento entre dous clans

Prenden lume na casa dun dos implicados na pelexa da semana pasada, que xa fuxira da zona

Dous dos feridos seguen ingresados no hospital, pero non hai detidos

G24.gal 04/11/2024 14:26

Incendio nas Casas Baratas de Recimil, o segundo en pouco máis de 24 horas, o que dispara erroneamente o ruxerruxe entre a veciñanza.

"O incendio que houbo aí atrás non ten nada que ver. Puxen unha tixola no lume", explica a afectada.

"É un incendio caseiro normal, que sucede en moitas ocasións. Para nada cremos que tivera que ver", confirma Alejandro Fernández, cabo de bombeiros de Ferrol.

O incendio do domingo foi outra cousa: a vinganza polo enfrontamento entre dous clans de no que dúas persoas acabaron no hospital. Houbo catanas, machetes, barras de ferro e mesmo un intento de atropelo cunha furgoneta que apareceu en fronte da casa dun dos implicados. Precisamente a casa que ardeu.

"Quixeron queimar unha das casas pero entre eles está o asunto: uns que veñen de non sei onde e outros os que viven aquí e son moi agresivos todos", conta unha veciña.

No momento do incendio, a vivenda estaba baleira.

"Nese momento estaba baleira pero realmente estaba ocupada pero esas persoas tiveron que marchar", relata a muller do piso que ardeu hoxe.

A veciñanza está farta e atemorizada. Non se atreven a dar a cara e recoñecen que ás veces prefiren mirar para outro lado. 

"Por detrás todos falamos e dicimos pero temos moito medo. Agora cando escoito as leas pecho todo. Xa non quero saber nada", lamenta a mesma veciña.

Tampouco os xitanos están conformes coa situación porque se senten no disparadoiro.

"Déixanos quedar nunha mala posición a todos porque por un, pagamos todos", lamenta unha moza.

"Nós non temos nada con ninguén, nin leas nin nada", insiste outro.

A policía mantén unha investigación aberta pola pelexa do xoves e por posibles vinganzas futuras. De momento, non hai detidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade