Veciños do barrio lugués da Milagrosa volven protestar tras un novo incidente nun 'after'
Veciños do barrio lugués da Milagrosa volven protestar tras un novo incidente nun 'after'
A Policía Local detivo un home que amosaba un coitelo de grandes dimensións, aínda que non ameazaba a ninguén
Entre clientes do bar volveuse producir unha nova pelexa
Na Milagrosa, en Lugo, están fartos dos problemas que causan os clientes de varios locais de copas que pechan ben entrada a mañá. Ruído, pelexas, o último incidente foi esta fin de semana cunha liorta e a detención dun home que esgrimía publicamente un coitelo de grandes dimensións.
Pero os veciños xa non se sorprenden por incidentes deste tipo, que están á orde do día, sobre todo as fins de semana. "É un non vivir. É xente moi golfa. Téñoos visto xa ben entrada a mañá continuar na rúa con leas e berros". "Non fan nada por remedialo e nos temos que pagar o problema".
O que causou grande alarma foi a presenza na rúa dun cliente que amosaba aos compañeiros de troula un coitelo de grandes dimensións mentres na outra man suxeitaba un vaso con alcol. Aparentemente non ameazaba a ninguén. Foi detido pola Policía Local que, ademais, lle comisou a maiores unha navalla.
Un incidente illado, pero os problemas e as molestias son continuos. "Dende a plataforma levamos denunciando isto hai máis dun ano e estamos seguros que vai ir a peor. Non é a primeira vez que se ven estes problemas. Están estes locais de ocio pero hai preto varios puntos de venda de droga na zona que nos preocupa moito", di Fernando Toubes, voceiro da Plataforma SOS Milagrosa Lugo Norte.
Son establecementos de hostalería que abren con licenza de cafetería ás seis da mañá, aínda que a actividade que desenvolven acaba sendo máis propia dun local de ocio nocturno. "Xa que non se dedican á actividade para a que teñen realmente licenza, debería haber unha normativa tanto local coma autonómica que protexa as necesidades dos veciños", comenta Fernanado Toubes.
Os veciños da Milagrosa están cansos de non poder durmir, de que os coches estacionados na rúa aparezan ás veces con golpes e que os portais das casas se utilicen como cuartos de baño.