Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dúas irmás do Páramo formaranse en Veterinaria e Industria Alimentaria para vivir do agro

Dúas irmás do Páramo formaranse en Veterinaria e Industria Alimentaria para vivir do agro

Fillas e netas de gandeiros, apostan polos estudos superiores para traballar nunha granxa

Félix Aragunde 22/03/2024 20:32 Última actualización 22/03/2024 20:56

Laura López, de 21 anos, e a súa irmá Alba, de 22, criáronse axudando na explotación de leite dos seus pais, Gandería Quintián, situada na parroquia paramesa de Friolfe.

Agora que van realizar estudos superiores, ambas decidiron que a súa formación teña que ver co sector agrogandeiro. Alba, como veterinaria, e Laura, como especialista na Industria Alimentaria.

No caso de Alba, aínda non sabe se vai acabar de veterinaria, de gandeira ou das dúas cousas. Máis claro o ten a súa irmá pequena, Laura, que quere dedicarse a facer queixos, algo que aprendeu dos seus pais nesta premiada queixería.

"Conseguimos coa nosa gandería un estándar de calidade, o que nos levou a gañar varios premios. Comecei axudándolle a miña nai e vaite enganchando. Na queixería son feliz", sinala Laura López, que quere estudar Industria Alimentaria. 

Ao tempo que se forman, ambas as dúas irmás tamén están decididas a seguir colaborando coa granxa familiar. Farano cada vez cunha formación máis específica conforme vaian avanzando nos seus estudos, o que non deixa de ser motivo de orgullo para os seus pais.

Chelo López, nai de Laura e de Alba: "A formación é fundamental. Para desenvolver calquera proxecto, resulta primordial. E a Alba só lle faltaba o berce entre as vacas, que son a súa paixón".

Ás fillas de Chelo e de Julio López o amor polo traballo no agro xa lles vén de familia. Os pais foron dos primeiros gandeiros que apostaron pola venda directa da súa produción de leite e dos seus queixos artesáns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade