Educación ambiental con charcas e zonas húmidas no IES Lagoa de Antela de Xinzo
Educación ambiental con charcas e zonas húmidas no IES Lagoa de Antela de Xinzo
Recursos educativos hai moitos, pero un dos que elexiron en Xinzo de Limia foi o de achegarlles a natureza o máis posible aos estudantes. E para iso que mellor que poder contemplar de preto unha zona húmida, un pequeno ecosistema que eles mesmos axudaron a poñer en marcha. Unhas xornadas divulgativas axudan a por en común con outros centros esta iniciativa.
Quen diría que unha pequena charca de apenas quince metros cadrados puidera albergar tanta vida. Esta puxérona en marcha os propios alumnos hai apenas unhas semanas.
"O propio instituto está construído por riba do que era a Lagoa de Antela. Facer unha pequena zona húmida permítenos falar dos beneficios ecosistémicos, a importancia da auga no noso día a día, das materias primas que nos dan os ecosistemas. É como un punto que nos lembra todo o que temos o redor", explica Lucía Parente, profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES Lagoa de Antela.
Hoxe teñen visita son profesores doutros centros de Galicia e o País Vasco nos que contan con pequenas zonas húmidas coma estes. Aquí nestas charcas, nestes pequenos laboratorios ao aire libre lembran que a experiencia vai máis aló da bioloxía, os alumnos poden debuxala, analizar a súa composición ou aprender as palabras de animais e lugares ligados a auga.
Poñen tamén en común experiencias doutros centros. En Brión, por exemplo, transformaron o aparcadoiro do instituto nun espazo de lecer.
"Plantáronse árbores e construíronse bancos para que o alumnado puidese gozar dese espazo e que os automóbiles non estivesen ocupando ese terrreo", apunta Vicky Rodríguez, directora do IES de Brión.
Tamén aquí proxectan novos espazos para descansar ou observar a fauna no propio centro. Unha fiestra aberta á natureza en rigoroso directo.