Educación en igualdade para combater a violencia sobre as mulleres

Nas vésperas do Día Internacional contra a Violencia Machista, os colexios organizan diferentes actividades de concienciación

Preocupa a desinformación da mocidade en aspectos tan básicos como a igualdade ou a diferenza entre machismo e feminismo

G24.gal 23/11/2023 14:03

Igualdade é a palabra que máis se repite nos deseños realizados por rapazas e rapaces das Carmelitas de Ourense.

"Que dúas persoas teñan os mesmos dereitos". "Queremos conseguir a igualdade de oportunidades", explican un mozo e unha moza ao preguntarlles que entenden por igualdade.

Traballaron con conceptos básicos que plasmaron en marcapáxinas e chapas elaboradas coas súas propias mans, na aula. Tamén fixeron bolsos, nos que imprimiron as frases máis inspiradoras: "Eu puxen 'se me das a elixir, quedo comigo', porque creo que é moi importante estar segura de si mesma", sinala unha alumna de sexto de primaria.

Os maiores participaron nun programa de radio, onde debateron sobre conceptos e aspiracións do feminismo. "Fomos falar sobre a discriminación positiva". "Darlles as mesmas oportunidades a homes e mulleres". "É moi necesario, xa que o machismo non está totalmente eliminado", explican.

A mostra está cargada de simbolismo: lazos que representan as 52 mulleres asasinadas este ano ou gaiolas que evocan o seu illamento. O proxecto empezou como un traballo pequeno, pero foise agrandando ao observar a desinformación entre a mocidade.

María Mora, orientadora de infantil e primaria: "Confunden machismo e feminismo, moitas veces negan que existe a violencia de xénero, nin lle gustan as palabras. Precisamos moita educación".

Os cartos que recaden coa venda destinaranse á Fundación Amaranta, que axuda as vítimas de violencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade