Publicador de contidos
Publicador de contidos

Educación financeira xa, por María Loureiro

OPINIÓN

Educación financeira xa, por María Loureiro

G24.gal 05/10/2022 08:02

Onte, día 4 de outubro, foi o Día Mundial da Educación Financeira. A educación financeira é a capacidade de autoxestionar as propias rendas e propiedades da forma máis exitosa posible, e entender mentres tanto a natureza do proceso do aforro e do gasto.

Con carácter xeral, existen lagoas importantes na educación financeira das persoas, e especialmente nos colectivos desfavorecidos, que lles fan tomar decisións mal planificadas en que perden unha cantidade importante de renda e tamén parte da súa liberdade persoal ao contraer un alto nivel de endebedamento. O Banco Mundial indica que dúas de cada tres persoas no mundo teñen problemas severos coa educación financeira.

No caso do alumnado en España, os resultados evidencian unha insuficiencia nas competencias financeiras entre os mozos e mozas de quince anos. No 2018, o informe PISA presentou un resultado para España de trece puntos por debaixo da media da OCDE. Para explicar estas diferenzas, un elemento fundamental é a calidade do sistema educativo, en especial, en educación en matemáticas.

Poñámonos logo mans á obra. España é un país que aínda non imparte educación financeira nas súas aulas nos títulos educativos obrigatorios, a diferenza doutros países, como Portugal e os EUA.

Nos colexios de primaria máis innovadores, no curriculum de distintas materias (incluso na aula de matemáticas), os nenos e nenas fan exercicios prácticos onde teñen que facer a compra real como actividade extraescolar con moi poucos cartos, digamos seis euros, e co que merquen teñen que preparar un prato de comida real para a súa familia. Esa educación práctica é a que lles permite ver resultados reais, ademais de ser a forma máis eficaz de que comprendan a importancia da xestión do diñeiro no día a día.

Pero tamén hai educación financeira nas universidades. Na materia de educación financeira (a que lle chaman economía do fogar), os alumnos están expostos a conceptos teóricos, pero están especialmente inmersos en casos prácticos. En moitas universidades, o alumnado afronta durante o cuadrimestre toda a serie de eventos que de xeito resumido afectarán a súa vida. Primeiro, abrirán unha conta bancaria e compararán distintas formas de comisións, xestionarán a súa paga mensual, pensarán se deben arrendar ou mercar unha casa dado un determinado nivel de renda, farán a declaración da renda, firmarán unha hipoteca, casarán e verán se facelo en gananciais ou separación de bens, e así sucesivamente…

Como este tipo de docencia non se imparte, o que se recomenda no caso español, e con razón, é comezar canto antes no seo das familias a explicar os conceptos básicos sobre de onde veñen os cartos, cantos hai para gastar e cantos se deben aforrar, do xeito máis natural posible. Os expertos recomendan apoderar os nenos e nenas coa súa paga semanal para que a xestionen do mellor xeito posible.

Pero é isto suficiente? Pois non; os país e nais non tenden a falar dos cartos no seo da familia, e a paga convértese nun deleite pracenteiro sen fin didáctico ningún.

Ademais, non todos na familia saben de economía financeira. En termos xerais, os homes son os que teñen mellor coñecemento das cuestión financeiras do fogar, mentres que, dependendo do grupo de idade, a muller puido delegar todas as decisión financeiras á súa parella. É obvio que a educación financeira é unha ferramenta moi útil para calquera persoa, pero especialmente necesaria para facer unha sociedade máis igual dende a perspectiva de xénero, pois resulta esencial entender o fluxo dos cartos no fogar. Tamén para os mozos e mozas, cal é o mellor investimento? Educación financeira!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar