EH Bildu presentará a Otxandiano como candidato a lehendakari malia o acordo PNV-PSE
EH Bildu presentará a Otxandiano como candidato a lehendakari malia o acordo PNV-PSE
Contrastará programa co candidato do PNV, Imanol Pradales, que sairá elixido con toda probabilidade cos votos a favor do seu grupo e do PSE
A Mesa Política de EH Bildu, reunida onte á noite, decidiu presentar a Pello Otxandiano como candidato a lehendakari no pleno de investidura do próximo 20 de xuño no que sairá elixido o jeltzale Imanol Pradales en primeiro volta cos votos do PNV e o PSE-EE.
A decisión adóptase despois de que se coñecese o acordo programático para a conformación do próximo Executivo vasco entre o PNV e o PSE-EE, e tras as eleccións europeas nas que a coalición soberanista foi primeira forza, a menos de 3.000 votos dos socialistas, relegando ao PNV ao terceiro posto.
Nunha entrevista en Euskadi Irratia, a parlamentaria de EH Bildu, Nerea Kortajarena, explicou que, pasadas case 7 semanas desde os comicios, "non tivemos noticias sobre o candidato de PNV" e os intentos de "contactos" por parte do PNV "foron nulos", polo que decidiron presentar o seu propio candidato a lehendakari.
Afirma que o fan "por responsabilidade" despois de que unha gran parte da poboación vasca amosara o seu desexo de "cambio" nas eleccións autonómicas.
Nos comicios, EH Bildu empatou a 27 escanos cos jeltzales, aínda que gañaron os de Ortuzar por 30.000 sufraxios.
Na sesión do día 20, Otxandiano contrastará na Cámara autonómica o seu programa co de Imanol Pradales.