Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP gaña as europeas con 22 escanos e o PSOE ocupa o segundo lugar con 20

O PP gaña as europeas con 22 escanos e o PSOE ocupa o segundo lugar con 20

A terceira forza é Vox, que acada 6 eurodeputados

Agora Repúblicas, a coalición do BNG, mantén os tres escanos 

Sumar tamén consegue tres representantes 

G24.gal 09/06/2024 08:48 Última actualización 10/06/2024 10:35

O PP gaña as eleccións europeas co 34,18 % dos votos e 22 escanos, nove máis ca nos comicios de 2019. O PSOE queda como segunda forza co 30,19 % das papeletas e 20 asentos, un menos respecto á cita anterior.

En terceiro lugar sitúase Vox que, co 9,62 %, mellora os resultados de hai cinco anos e acada dous eurodeputados máis: 6 en total. Agora Repúblicas, a coalición do BNG, mantén os tres escanos cun 4,93 %, os mesmos que Sumar (4,65 %). Ciudadanos queda fora da Eurocámara.

En Galicia, o PP foi o partido máis votado, cun 43,62 % dos votos, o que supón 16,6 puntos máis ca o PSOE, que obtivo o 27,01 % das papeletas, tras un descenso de 8 puntos.

A terceira forza máis votada foi o BNG-Agora Repúblicas, co 16,13 % dos apoios, 4,33 puntos máis que fai cinco anos, co que Ana Miranda conseguiu o escano propio no Parlamento europeo que os nacionalistas galegos non tiñan desde 2009.

Os populares subiron case 14 puntos con respecto ás eleccións europeas de 2019, ao conseguir 486.106 votos, mentres que o PSOE queda con 301.007 e o BNG, con 179.788.

A foto fixa que debuxan as eleccións europeas, algo máis de dez meses despois das xerais, describe un panorama de bloques ideolóxicos moi divididos, cunha diferenza lixeiramente superior no da dereita, conformado polo PP, Vox e Alvise Pérez, que obteñen un punto máis de apoios. Estas tres forzas conseguiron reunir este domingo o 48,41 por cento dos sufraxios, en tanto que o PSOE, Sumar e os seus demais socios de Goberno e da investidura obteñen o 47,16 por cento dos sufraxios.

O PP, vencedor destas eleccións, sacou máis de 700.000 votos aos socialistas; respecto a as últimas europeas de 2019, os populares engrosan as urnas con 1.441.000 papeletas máis, en tanto que os socialistas déixanse 2.111.000 votos europeos nestes cinco anos.  Ciudadanos, en cambio, só mantivo 120.000 dos 2.731.000 votos que logrou nas eleccións europeas de 2019, quedando fóra da Eurocámara e co futuro da formación laranxa moi comprometido tras cinco anos perdendo peso e representantes nas institucións.

Superoulle o PACMA, con 134.000 papeletas que quedan moi lonxe das 295.546 que levou en 2019 e que, como sucedeu agora, non lle valeron para entrar no Parlamento Europeo. Se se comparan estes resultados, en termos porcentuais, cos logrados por estes partidos nas eleccións xerais de xullo de 2023, é o PP o partido que máis crece. Porque se entón obtivo o 33 por cento de respaldo popular, agora levouse o 34,2 por cento dos votos, 1,2 puntos máis. O PSOE, polo seu lado, experimenta un desgaste de 1,53 puntos: en xullo levou o 31,7 por cento e agora queda co 30,17.

Aínda que foron uns comicios con menor participación que nas xerais, o apoio de cada partido traducido en porcentaxes apunta a que Vox é o que sofre maior desgaste, ao pasar do 12,39 por cento dos sufraxios de 2023 o 9,62, é dicir, 2,77 puntos menos. Podería influír niso o voto de Alvise Pérez, situado no 4,59 por cento. Con todo, Vox subiu en dous os seus representantes na Eurocámara. O voto de Sumar nas xerais (con Podemos dentro da coalición) chegou ao 12,31 por cento. Agora, sen a formación violeta, caeu ao 4,65 por cento, mentres Podemos conserva un 3,28 por cento.

Sobres e papeletas nun colexio electoral. EFE/Rodrigo Jiménez Sobres e papeletas nun colexio electoral. EFE/Rodrigo Jiménez

Minuto a minuto

09:00

A xornada electoral botou a andar nos 22.576 locais electorais distribuídos por toda España, salvo nos centros situados no arquipélago canario, que abren unha hora máis tarde. Máis de 175.000 persoas forman parte, como titulares, das 58.556 mesas nas que se pode exercer o dereito a voto nestes comicios europeos. Os colexios estarán abertos ata as 20:00 horas.
 

09:17

Ás 10:30 horas, o secretario de Estado de Comunicación, Francesc Vallès, e a subsecretaria do Ministerio do Interior, Susana Crisóstomo, comparecen para informar da apertura dos colexios e da constitución das mesas. O primeiro avance de participación coñecerase a partir das 14:30 horas.

09:32

Ata as 23:00 horas non se coñecerán os primeiros resultados provisionais, cando pechen os colexios electorais italianos. Os encargados de ofrecer os datos serán a ministra portavoz do Goberno, Pilar Alegría, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

09:44

O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE votou no colexio da Nosa Señora do Bo Consello, en Madrid, pasadas as nove da mañá, na compaña da súa dona, Begoña Gómez. Pedro Sánchez salientou a importancia destes comicios nos que, segundo dixo, se decide co voto se "queremos unha Europa que avance ou unha Europa que retroceda". Coa esperanza de que "sexa o primeiro antes ca o segundo", animou á votación. Segundo declarou, non interpreta esta cita coma un plebiscito pero considera que é transcendental polo perigo da "onda reaccionaria". Lembrou que o 70 % das leis aprobadas no Congreso veñen da Eurocámara e amosouse convencido da necesidade dunha "voz contundente, forte e progresista" en Bruxelas.

10:08

A localidade rioxana de Villarroya volveu pechar a súa mesa electoral en poucos segundos, concretamente 33, pero non superou a marca de 26, lograda nos comicios xerais de 2023, porque a súa poboación decidiu tomar a xornada "con tranquilidade". O municipio ten sete habitantes censados dos que tres forman parte da mesa e outros tres son suplentes.

10:18

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a normalidade na constitución das 3.922 mesas electorais que hai na comunidade. Só unha en Ponteareas atrasou a apertura polo que a Xunta Electoral analiza a necesidade de prolongar a súa xornada. As primeiras en botar a andar foron as do Centro Cultural de San Paio (Crecente), as da Alianza Aresá (Ares) e as do grupo escolar de Xunqueira de Espadañedo. Blanco agradeceu o traballo de todas as persoas que colaboran no desenvolvemento do proceso. 

10:31

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, foi o líder político galego máis madrugador e acudiu ao seu colexio electoral en Lugo sobre as 9:30 horas da mañá. Tras exercer o seu dereito a voto, apelou á cidadanía a participar nestes comicios. "Votar por Europa é votar por nós", dixo en declaracións aos medios, tras depositar a papeleta no CEIP Rosalía de Castro. Besteiro insistiu na importancia desta cita porque "Europa está moi presente nas nosas vidas e o que pase en Europa nos afecta directamente", asegurou.

10:38

A cabeza de lista do PSOE para as eleccións europeas, Teresa Ribera, animou a votar este domingo porque, segundo dixo, canta máis participación haxa "máis fiel" será a imaxe do sentir da cidadanía. Ademais, negou que estes comicios sexan un plebiscito do Goberno. A candidata votou ao redor das dez da mañá no colexio Benito Pérez Galdós, en Majadahonda. En declaracións aos medios, a tamén vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico expresou o seu desexo de que a xornada se desenvolva "con total normalidade".

10:49

O candidato de Ciudadanos ás eleccións europeas, Jordi Cañas, pediu que a poboación vote este domingo pensando en Europa, porque "isto non vai de Sánchez ou de Feijóo; que non vai do seu futuro: vai de todos os cidadáns". Declarouno á prensa tras votar ás 9:35 horas en Barcelona, no Centre Cívic Convent de Sant Agustí, onde afirmou que é un día moi importante para os vindeiros 5 anos, pero tamén para "os próximos 20".

11:05

A candidata do PP ás eleccións ao Parlamento Europeo, Dolors Montserrat, reivindicou a participación nos comicios europeos para que "Europa estea moi ben representada por todos os españois" e animou a toda a cidadanía a acudir ás urnas. Así se expresou tras depositar o seu voto sobre as 10:25 horas nun colexio electoral en Sant Sadurní d'Anoia (Barcelona). Segundo dixo, "ir votar só custa cinco segundos", pero o que se decida "marcará o futuro de España en Europa" e o da propia UE.

11:14

Juan Díaz Villoslada, candidato galego de Sumar, votou un pouco antes das 11:00 horas nun colexio electoral de Oleiros. O político coruñés tamén animou a cidadanía galega a participar e subliñou a importancia destas eleccións.

11:28

O candidato galego do PSOE ao Parlamento europeo, Nicolás González Casares, instou a ir votar nestas eleccións "por máis democracia" e para elixir o "futuro de Europa" que, segundo dixo, é a iniciativa "de paz e prosperidade que nos trouxo ata aquí". Tras depositar o seu voto no colexio electoral do pavillón municipal de Lalín, sobre as dez da mañá, animou a "usar o voto" para decidir "a Europa que queremos", que é o proxecto "máis grande que existe na historia de paz e democracia".

11:38

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, votou pasadas as 11:00 da mañá no colexio Ramiro de Maeztu, en Madrid, acompañado polo alcalde José Luis Martínez-Almeida. Fixo un chamamento "á mobilización sen recorrer á crispación" e amosouse convencido de que "non hai un só cidadán que se considere alleo aos resultados". Na súa opinión, "debemos protexer ese dereito á igualdade que é o voto". Neste senso, o líder popular asegurou que esta xornada é unha boa oportunidade "para tomar a palabra sobre a política agraria que queremos, para mellorar a produtividade da política europea". Por iso, animou a todos os españois a que respondan nas urnas. "Eliximos o futuro de España e o futuro de Europa", dixo.

11:55

A líder do BNG, Ana Pontón, votou ás dez e media no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, onde advertiu da importancia deste momento porque "nos xogamos moito en Europa". Segundo dixo, o gran reto é que haxa unha importante mobilización e que cada elector decida "se quere que Galicia teña unha voz que defenda os seus intereses e quen os pode defender mellor" en Bruxelas.

12:05

A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, animou a votar nestas eleccións "por Galicia, polas causas xustas da humanidade, polo antifascimo, pola paz e para que termine o xenocidio en Gaza". Miranda exerceu o seu dereito ao voto no colexio electoral do Centro Social de Bouzas, onde acudiu sobre as dez da mañá coa súa filla. Asegurou votar "con ilusión, con esperanza e con futuro" para que Galicia "volva ter unha voz propia no Parlamento europeo". Nas súas declaracións, lembrou os seus pais, xa falecidos, e dixo que confía en conseguir todo o apoio para que o seu partido volva ocupar un escano en Europa.

12:24

Entre os candidatos galegos das principais listas, o último en votar foi Manuel Moinelo, de Ciudadanos. Fíxoo no colexio electoral do pavillón Valle-Inclán, no concello de Oleiros.

12:33

A normalidade absoluta está a presidir as primeiras horas da xornada electoral, co 100 % dos colexios abertos sen incidencias salientables, polo que as 58.556 mesas quedaron constituídas e operativas. O secretario de Estado de Comunicación, Francesc Vallès, e a subsecretaria do Ministerio do Interior, Susana Crisóstomo, compareceron para dar conta do desenvolvemento da xornada, pero non quixeron aventurar como vai ser a participación.

12:48

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia votou ao mediodía na Facultade de Dereito, en Santiago de Compostela. Paula Prado animou a cidadanía a dedicar uns minutos a ir votar porque nestas eleccións, lembrou, está en xogo o futuro de sectores clave para o noso país, como a pesca ou o agro.

13:09

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, votou sobre as 11:30 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra. Acompañado pola súa familia e os candidatos populares ás europeas, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, celebrou que a xornada se estea a desenvolver "con normalidade". Salientou a importancia de participar nestes comicios que, segundo dixo, servirán para decidir "o futuro" do continente, do país e da comunidade e insistiu en que "España e Galicia se xogan moitísimo". O mandatario asegurou que vai pasar o día na cidade do Lérez e, pola noite, seguirá o escrutinio dende a sede do PPdeG en Santiago.

14:02

A participación nas eleccións europeas ás 14:00 horas en toda España situouse no 28,01 %, o que supón un 6,73 % menos ca nos comicios de 2019, cando foi do 34,74 % a esa mesma hora. Ata as dúas da tarde, votaron un total de 9.988.861 persoas. En Galicia, a participación baixou seis puntos respecto á cita anterior e situouse no 26,47 %.

 

Durante a comparecencia para informar destes datos, o secretario de Estado de Comunicación, Francesc Vallès, asegurou que na comparativa pode haber unha distorsión porque os comicios de 2019 coincidiron cos municipais e autonómicos. Nas europeas de 2014, lembrou, a participación ás dúas da tarde foi do 23,84 %; nas de 2009 do 24,10 e nas do 2004, é dicir, fai vinte anos, do 24,56 %. Segundo Vallès, facendo a media de todos eles, a participación ata as 14:00 horas neste 9X medrou 4 puntos.

15:31

A líder de Sumar, Yolanda Díaz, animou á cidadanía a votar para frear en Europa as medidas de austeridade, axustes fiscais e recortes, sinalando que PP e PSOE gobernan xuntos en Bruxelas e, polo tanto, son os responsables desas políticas. A vicepresidenta do Goberno, que votou no colexio electoral da Escola de Minas, no barrio de Chamberí, asegurou que estas eleccións son clave para construír "unha Europa máis social, a Europa da esperanza".

18:39

A participación ás seis da tarde en España sitúase no 38,35 %, un 11,09 menos que nas eleccións europeas de 2019. En Galicia, a esa hora votara o 39,02 % do censo, o que supón unha caída do 11,18 % respecto á cita anterior.

19:04

A CRTVG ofrece unha ampla cobertura da xornada electoral. A partir das 19:55 horas achegará toda a actualidade sobre o peche dos colexios e os resultados da enquisa de Sigma Dos, nun especial informativo presentado por Marta Darriba e Carlos Amado. Cando pechen os últimos colexios en Italia, ás 23:00 horas, farán un seguimento do escrutinio cun equipo de analistas formado pola economista María Bastida, o politólogo Miguel Anxo Bastos, o xornalista Julián Rodríguez e o comentarista Pepe Arias

 

Tamén a Radio Galega ofrece un especial informativo, entre as 19:55 e as 00:00 horas, con mesa de análise e a moderación dos xornalistas Luís Ojea e Celia Rúa.

20:00

A enquisa de Sigma Dos, para a TVG e a Forta, sitúa como gañador dos comicios europeos o Partido Popular. Lograría entre 21 e 23 escanos, cun 32,4 % dos votos. Son 2,2 puntos máis do que lle outorga a sondaxe ao Partido Socialista, que co 30,2 % conseguiría entre 20 e 22 escanos. Deste xeito, os populares case dobrarían os 12 eurodeputados logrados no 2019, mentres que os socialistas manterían os 20 ou poderían subir ata 2.

 

En Galiciao PP subiría 7,5 puntos, ata o 37,5 % dos votos, mentres que o PSOE, co 31,1 %, baixaría 4. O BNG, integrado na coalición Agora Repúblicas, subiría 2,5 puntos respecto a 2019, pero quedaría por baixo dos resultados obtidos nas pasadas eleccións autonómicas. Co 14,3 % das papeletas, o actual escano de Ana Miranda estaría no aire, xa que a sondaxe lle outorga a esta coalición entre 2 e 3 representantes. Miranda figura no número 3 da lista. Vox (co 5,1 %) sobe 2,5 puntos e Podemos baixa 4,5, obtendo a mesma porcentaxe que Sumar: o 3,4 %.

 

A nivel estatal, o PP subiría máis de doce puntos e o PSOE perdería case 3. A terceira forza, segundo Sigma Dos, sería Vox, que tamén multiplicaría por dous os seus actuais 3 escanos e podería lograr 6 ou 7. Sumar lograría entre 3 e 4, e Podemos 2 ou 3.

 

Unha das novidades sería a entrada no Parlamento Europeo de Alvise Pérez, que podería lograr entre 2 e 3 representantes coa candidatura de Se acabó la fiesta. Os cataláns de Junts lograrían un eurodeputado e a Coalición por unha Europa Solidaria conseguiría un eurodeputado.

23:06

O PP gaña as eleccións europeas co 34,18 % dos votos e 22 escanos, nove máis ca nos comicios de 2019, co 99 % do escrutinio finalizado. O PSOE queda como segunda forza co 30,19 % das papeletas e 20 asentos, un menos respecto á cita anterior. En terceiro lugar queda Vox que, co 9,62 %, mellora os resultados de hai cinco anos e acada 6 eurodeputados, dous máis. Agora Repúblicas, a coalición do BNG, mantén os tres escanos cun 4,93 %. A continuación, sitúase Sumar co 4,65 % e o mesmo número de representantes. 

23:34

En Galicia, o PP foi o partido máis votado, cun 43,62 % dos votos, o que supón 16,6 puntos máis ca o PSOE, que obtivo o 27,01 % das papeletas, tras un descenso de 8 puntos. A terceira forza máis votada foi o BNG-Agora Repúblicas, co 16,13 % dos apoios, 4,33 puntos máis que fai cinco anos, co que Ana Miranda conseguiu o escano propio no Parlamento europeo que os nacionalistas galegos non tiñan desde 2009. Os populares subiron case 14 puntos con respecto ás eleccións europeas de 2019, ao conseguir 486.106 votos, mentres que o PSOE queda con 301.007, e o BNG con 179.788.

23:35

A primeira valoración de líderes galegos chegaba da man do secretario xeral do PSdeG-PSOE. Xosé Ramón Gómez Besteiro considera que a candidatura socialista logrou "un gran resultado" que é "case un empate" co PP.

23:48

A voceira nacional do BNG asegura que acadaron os mellores resultados en 20 anos. Segundo Ana Pontón, son unha forza en ascenso que vai permitir que Galicia teña voz propia en Europa da man de Ana Miranda.

23:51

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, considera que con estes resultados Alberto Núñez Feijóo gaña as súas terceiras eleccións nacionais e Pedro Sánchez obtén o seu peor resultado nunhas europeas.

00:03

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, salienta que os populares galegos lograron case medio millón de votos, superando a suma dos obtidos polo PSOE e o BNG. Segundo subliña, gañaron en 303 dos 313 concellos galegos, cos mellores resultados desde 2009.

00:15

O presidente do PP asegura que se abre un novo ciclo político tras acadar os mellores resultados nuns comicios europeos en 25 anos. Alberto Núñez Feijóo amósase convencido de que o PP gañará as vindeiras eleccións xerais, tras conseguir catro puntos máis ca os socialistas nesta xornada.

00:23

A cabeza de lista do PSOE ás europeas, Teresa Ribera, di que Feijóo fracasou de xeito "rotundo" ao empeñarse en formular estes comicios coma un plebiscito contra o Presidente do Goberno. Na súa opinión, a polarización do PP só logrou fortalecer a ultradereita en España cunha forza máis.

00:37

A participación nestes comicios foi do 49,2 %, 11,5 puntos menos ca nos comicios á Eurocámara de 2019, cando coincidiron coas municipais e autonómicas, pero 5,4 máis que en 2014, convocadas en solitario. En todas as comunidades descendeu a participación, especialmente en Estremadura, onde baixou 19,77 puntos, por diante de Castela-A Mancha e Cataluña, onde baixou máis de 17 puntos, ademais de nas cidades autónomas de Ceuta (-20,31) e Melilla (-21,64). Pero se se compara coa participación de 2014, a participación só baixou en Cataluña, en concreto 2,65 puntos, en tanto que subiu no resto, máis en Asturias (11,98 puntos) e Galicia (11,83). 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade