Emigración potencia a Oficina de Asesoramento ao Retorno cun novo servizo fiscal
Emigración potencia a Oficina de Asesoramento ao Retorno cun novo servizo fiscal
Desde a súa posta en marcha, en 2020, atenderon máis de 15.000 retornados e responderon máis de 50.000 consultas
Tamén se presentou a ampliación das súas instalacións con máis técnicos para atender os galegos do exterior
Emigración potencia a Oficina Integral de Asesoramento ao Retorno cunha ampliación das súas instalacións e dos seus servizos. Desde a súa posta en marcha en 2020, atenderon máis de 15.000 retornados e responderon máis de 50.000 consultas.
O secretario xeral da Emigración visitou a sede compostelá da oficina de asesoramento e seguimento ao emigrante para dar conta da súa ampliación con máis técnicos destinados a apoiar os galegos do exterior. Unhas oficinas que son esenciais no traballo da Estratexia Galicia Retorna, un programa recentemente renovado e activo ata o ano 2026.
A Administración autonómica conta con cinco sedes en Galicia que atenderon 15.000 retornados desde o seu comezo en 2020, e deron resposta a máis de 50.000 consultas tanto persoais como telefónicas e telemáticas nos eidos laboral, social e xurídico, e a partir de agora tamén cun servizo fiscal e tributario básico.
Deste xeito poderán consultar temas como o establecemento da residencia fiscal, a xestión das declaracións tributarias como pode ser o IVE ou o IRPF, a entrada de cartos desde o estranxeiro ou a exportación de pensións de xubilacións
Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico especializado para informar e asesorar os galegos e os seus familiares nas tramitacións burocráticas e tamén para xestionar programas e axudas coas que poden contar nesta volta á casa.