Emotiva homenaxe escolar ás vítimas do incendio de Vigo: Aldara, Ezequiel e Sara
Emotiva homenaxe escolar ás vítimas do incendio de Vigo: Aldara, Ezequiel e Sara
"Non hai igualdade de oportunidades cando se vive en condicións infrahumanas", declárase no comunicado emitido polos colexios
Os centros escolares Álvaro Cunqueiro, Alfonso Rodríguez Castelao, Celso Emilio Ferreiro e Escultor Acuña unen forzas para un acto tanto emotivo como reivindicativo
Fai un mes do tráxico incendio nun edificio de Vigo que causou o falecemento de Aldara, Ezequiel, Sara e a súa nai, Rosana. Os tres fillos tiñan só entre 11 e 14 anos, e son botados en falta polos centros que decidiron facer este acto en forma de homenaxe e reivindicación.
O acto foi celebrado no IES Álvaro Cunqueiro. Unha alumna foi a encargada de dar o comezo coa lectura duns versos do poeta Salvador García-Bodaño.
A isto seguiuno o comunicado lido polos directores dos catro centros, un comunicado que conmovía os asistentes, pero que tamén reivindicaba que hai un dereito fundamental que non se está facendo efectivo: o dereito a unha vivenda digna.
O incendio produciuse, segundo a Policía Científica, no cadro eléctrico do portal. No comunicado exprésase que "as condicións de precariedade" en que vivían os residentes do edificio ocupado foron a clave "para que o desenlace do suceso resultara mortal".
A comunidade educativa móstrase conmocionada pero "tamén indignada porque todo segue igual". É un suceso que afectou catro estudantes, a tres deles arrebatoulles a vida e "deixarán consecuncias inolvidables para os outros".
"Para as institucións son números, pero para nós son nenos con nome e apelidos, que nos miran todos os días aos ollos, que nos interpelan, que aquí encontran un contorno seguro, cálido, acolledor, brazos abertos e sorrisos. Pero fóra non teñen unha vida digna nin un contorno seguro. De pouco serve ofrecer unha educación universal e gratuíta cando non se garanten os demais dereitos fundamentais", reivindícase no comunicado.
Tamén esixen protección para todos os nenos que se atopen nunha situación vulnerable, pois "non existe unha lei específica para protexer os menores". Ademais, recordaron os preocupantes datos sobre a pobreza infantil: "Case un 25 % da infancia en Galicia está en situación de pobreza ou risco de exclusión social e un 8,5% dos menores vive en pobreza severa".
Reclaman axudas, vivendas sociais e bolsas de alimentación para que os menores con poucos recursos poidan vivir dignamente e non abandonar a súa etapa educativa prematuramente.
Sobre todo, néganse a esquecer a Aldara, Ezequiel e Sara, pero non queren que este tráxico suceso "caia en balde". Fan un chamamento aos poderes públicos para que se comprometan e actúen a favor da infancia.
Máis versos e aplausos en memoria dos alumnos puxeron o ramo a este acto.